O novo sistema de financiamento non cobre o custo real dos servizos públicos galegos

O Executivo español deu esta sexta feira a coñecer unha proposta de novo sistema de financiamento para substituír o actual, que acumula 12 anos de prórroga. A alternativa mantén as liñas básicas do modelo vixente desde o ano 2009, deixando en mans do Estado toda a política de recadación de tributos.

EuropaPress_7205806_vicepresidenta_primera_gobierno_ministra_hacienda_maria_jesus_montero
A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Facenda, María Jesús Montero. (Foto:Europa Press)

A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Facenda, María Jesús Montero, presentou esta sexta feira a proposta de novo modelo de financiamento para as comunidades do réxime común, isto é, todas agás Euskadi e Nafarroa, que recadan directamente os seus tributos. O documento, que será presentado a vindeira cuarta feira na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, organismo conformado polo Estado e as autonomías, pretende substituír o sistema de financiamento vixente, aprobado en 2009, durante a última lexislatura de José Luis Rodríguez Zapatero e prorrogado desde o ano 2014.

Montero sinalou que con esta alternativa "o Executivo asume a súa responsabilidade e entende que non hai mellor maneira de defender o Estado do Benestar que reformulando un modelo de financiamento que ten xa 17 anos". Na mesma dirección, apostou por un sistema común porque "non pode existir un modelo a medida para unha comunidade autónoma, senón que se estabelece un sistema que se adapta e dá resposta ás realidades dispares da España autonómica", contravindo así a bilateralidade acordada cos seus socios nacionalistas de Catalunya e da Galiza.

A principal novidade da proposta do Goberno do Estado en relación co modelo anterior está relacionada cun incremento na porcentaxe de cesión ás comunidades autónomas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), auténticos piares polas súas contribucións ao modelo fiscal. Se co sistema actual o Estado entregaba aos gobernos autonómicos 50% do IRPF e do IVE recadados no seu territorio, coa alternativa presentada esta sexta feira estes pasarían a recibir, respectivamente, 55% e 56,5% dos referidos tributos.

A ministra de Facenda explicou que o aumento da cesión do IRPF e do IVE aportaría aos 15 gobernos das comunidades autónomas do réxime común perto de 21.000 millóns euros, dos que 587 millóns corresponderían á Galiza. Neste sentido, é a sexta comunidade que rexistra un menor incremento de fondos co novo modelo, ficando por detrás de territorios con menos poboación como Castela-A Mancha, que aumenta en 1.248 millóns de euros; Murcia, que gaña 1.118 millóns; Aragón, que suma 629 millóns, ou Canarias, que aumenta en 611 millóns.

A proposta de novo sistema de financiamento estabelece mudanzas para determinar o cálculo da poboación axustada. Nesta liña, mantén o peso da poboación total e da poboación protexida preferente, mais diminúe o de envellecemento de 8,5% a 7% e o de dispersión territorial de 0,6 a 0,5%, o que representa un grave prexuízo para Galiza pola elevada idade da súa poboación e o gran número de núcleos de poboación. A este respecto, o Goberno galego cifra o sobrecusto na prestación dos servizos derivado da dispersión en 400 millóns de euros anuais, triplicando as persoas de máis de 65 anos de idade o gasto sanitario medio.

A alternativa presentada por Montero mantén o esencial do anterior sistema, ao reservar para o Estado a capacidade de recadar todos os impostos agás en Euskadi e en Nafarroa. Segundo os datos achegados polo economista e presidente da  Comisión  de Economía do Parlamento da Galiza na V lexislatura (1997-2001), Xosé Díaz, en 2023, último ano co sistema de financiamento liquidado, o Estado recadou en impostos na Galiza un mínimo de 16.296 millóns de euros, mais só reintegrou 10.131 millóns, succionando pola vía dos tributos 6.165 millóns de euros. Na mesma liña, Díaz documentou que os fondos succionados ao país desde a entrada en vigor do actual sistema de financiamento en 2009 ascenderon a 65.556 millóns de euros.

Déficit de recursos

O sistema de financiamento proposto esta sexta feira por María Jesús Montero non garantiría a prestación dos servizos públicos fundamentais na Galiza. Así, por exemplo, o Consello de Contas da Galiza, nun documento presentado en maio de 2024 baixo o título de Informe sobre os resultados para Galiza do sistema de financiamento das comunidades autónomas do réxime común, situaba o déficit xerado polo modelo de financiamento na sanidade, na educación, nas pensións e nos servizos sociais galegos para o período de 2009 e 2021 en 19.956 millóns de euros.

Unhas cifras semellantes achegou Xosé Díaz para a etapa de 2009 a 2023, sinalando que o modelo de financiamento creou ao sistema de benestar galego un déficit de 22.188 millóns de euros, concretando que no último ano o custo de sanidade, educación, servizos sociais e pensións alcanzou os 9.257 millóns de euros, mais o Estado só transferiu á Galiza para a súa prestación 7.107 millóns, isto é 2.149 millóns menos dos necesarios para sufragar o gasto.

Os 587 millóns de euros achegados a maiores coa nova proposta de sistema de financiamento non darían para cubrir o custo total dos servizos públicos fundamentais, comprometendo, entre outras, a prestación da atención sanitaria . Nesta liña, a alternativa formulada polo Goberno do Estado segue sen achegar fondos atendendo ao custo real das competencias.

Un modelo que non suma no Congreso dos Deputados

O novo modelo de financiamento marcará o debate político nestes primeiros meses do ano, malia que non conta cos apoios suficientes para ser aprobado no Congreso dos Deputados á vista de que algúns dos grupos que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez, como Junts ou o BNG, xa anunciaron esta sexta feira o seu rexeitamento á proposta.

A Xunta da Galiza valorou negativamente a alternativa formulada polo Executivo español. Nesta dirección, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, denunciou a operativa seguida polo Goberno do Estado, advertindo tamén o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, que co documento "rachouse o principio de igualdade".

O voceiro do BNG no Congreso, Néstor Rego, indicou que "non estamos diante dun novo sistema de financiamento, senón do mesmo modelo centralista e centralizado con pequenos retoques" e recalcou que "Galiza debe ter máis capacidade para recadar os seus impostos e decidir sobre eles; iso é clave para garantir un financiamento xusto".

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou o presidente da Xunta a defender a proposta asegurando que "a grande incógnita é se Alfonso Rueda vai defender os intereses da Galiza ou se vai volver deixar pasar esta oportunidade".

Comentarios