Xavier Campos, responsábel de Comunicación do Bloque

"O novo logo mostra un BNG aberto e ambicioso"

Xavier Campos mostra o novo logo do Bloque

Aos seus 39 anos, Xavier Campos é o responsábel de Comunicación do BNG non en calquera tempo, senón nun tempo de mudanzas que desde Rodríguez de Viguri, a sede nacinal da formación frontista, se pretenden profundas. Tanto que o Bloque muda de logo por vez primeira en tres décadas. Na entrevista política do Sermos248, xa na rúa, Campos debulla as chaves da mudanza. Eis un extracto da conversa.

-Acabades de apresentar o novo logo do BNG. Que queredes comunicar con el á sociedade galega?

 

-A mudanza o que procura é transmitir a idea de que estamos nunha nova etapa e por iso conscientemente apostamos nun logo que fose recoñecíbel na traxectoria do BNG, que a xente ao velo recoñecese a marca do Bloque, mais que ao mesmo tempo fose un logotipo novo. Non quixemos unha simples actualizacións e si un logotipo novo. O que transmite é ese equilibrio, de etapa nova, mantendo ao mesmo tempo o mellor da nosa traxectoria e do noso pasado.

 

-Imaxino certo nervosismo perante a recepción social que poda haber...

 

-Hai curiosidade por saber que tipo de recepción vai ter. En xeral pensamos que é un logotipo que vai gustar, pero si que hai certa expectación por ver como é recibido tanto na propia militancia, no corpo social do nacionalismo, mais tamén fóra, na medida en que imos a este novo logotipo por unha decisión política de remarcar que estamos nunha etapa diferente do Bloque.

 

-Na concepción do logo que houbo máis, debate técnico ou político?

 

-Houbo ambos, mais foi relativamente sinxelo chegar a un acordo na cuestión dos valores que se querían transmitir. Nos criterios -que fose recoñecíbel e marcase claramente un tempo novo- estabamos claramente de acordo, logo na parte técnica fixemos algunhas valoracións e tomamos algunhas decisións, mais a verdade é que foi un proceso rápido e mesmo surprendentemente moi unánime.

 

 

-E os trazos básicos do logo como os definirías?

 

-É un logotipo que busca transmitir modernidade e actualidade, un logo de trazos sinxelos, simples, con novidades como é fundamental a asunción das minúsculas, como unha forma de transmitir proximidade e cercanía á propia sociedade. E despois é limpo, transparente, ordenado. Comunica esas ideas que trasladamos continuamente nos materiais que facemos para reforzar esa sensación de tempo novo.

 

[A íntegra da entrevista aparece no Sermos248, xa na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]