Ana Pontón: "Apresentamos un proxecto anovado para este país"

O BNG renova a súa imaxe coa primeira mudanza de logo en tres décadas

Un momento do acto de apresentación

Ana Pontón vén de apresentar esta cuarta feira o novo logo da formación na compaña da militante máis nova e da máis veterana do Bloque.

O BNG está a entrar, en palabras de Pontón, nunha nova etapa que está representada neste novo logotipo. O emblema mantén o esencial do anterior, creado xa hai trinta anos, e recolle o mellor da tradición do nacionalismo. “Non se renuncia a nada”, afirma a portavoz nacional. O símbolo é no plano iconográfico unha evolución perfeitamente recoñecíbel do logo clásico da formación.


Ana Pontón apresentou o logo na compaña de Carmen, a militante máis veterana, e Catuxa, a militante máis nova da formación. Catuxa salientaba o feito de que fosen tres mulleres as protagonistas do acto como unha mostra da aposta do Bloque pola igualdade de xénero. 

 

Nesta nova imaxe quérese recoller a traxectoria deste proxecto político, pero tamén demostrar a súa capacidade de adaptación. “Somos unha forza política con capacidade para adaptarnos, ir cos tempos e dende logo, presentar un proxecto renovado para este país”, afirmou Ana Pontón. Dende o BNG declaran que este novo logo é un paso importante á hora de anovar a simboloxía da formación, moi caracterizada nas últimas tres décadas por unha imaxe de marca que agora entrega o relevo.


Tras a presentación deste logo -que a respeito das últimas versións do símbolo tradicional do BNG resgata as cores da bandeira galega, intensifica o vermello da estrela e muda as maiúsculas polas minúsculas- como principais cambios, o único que queda é “difundilo ao máximo, movelo polas redes sociais e popularizalo”, afirma Catuxa. Para facilitar esta difusión, o Bloque está a empreegar o cancelo #novoBNG.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ao remate da comparecencia, Ana Pontón agasallou as e aos xornalistas cunha torta en que aparecía o novo logo debuxado.