Consello da Xunta

Novas axudas para previr e paliar os danos causados pola fauna silvestre no sector primario

Manda de xabarís. (Foto: Gonzalo Varas)

De perto de seis millóns de euros, 3 destinaranse a compensar o sector primario por ataques de lobos, xabarís e osos, mentres que 2,5 serán para medidas de prevención e 320.000 euros, para actuacións vinculadas coa protección de terreos cinexéticos ou áreas de pesca.

O Consello da Xunta abordou, na súa reunión desta segunda feira, a convocatoria de novas axudas, por un importe de case seis millóns de euros, para previr e paliar os danos causados pola fauna silvestre, en concreto lobos, xabarís e osos.

Así o informou, ao remate do mesmo, o titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, que destacou que isto supón "incrementalas nun 22%" a través de diferentes achegas. En concreto, o Goberno galego convocará este mes oito liñas de axudas, dotadas cun orzamento total de 5,9 millóns para 2025, co fin de previr e paliar os citados danos e apoiar a ordenación da actividade cinexética e piscícola.

Para iso, explicou Rueda, estabelécense 3 millóns para compensar o sector primario por estes ataques e outros 2,5 millóns para medidas de prevención, aos que se suman 320.000 euros para actuacións vinculadas coa protección de terreos cinexéticos ou áreas de pesca.

No caso da primeira contía, deses tres millóns uns 900.000 son para indemnizar os gandeiros por ataques de lobos. "O dobre que en 2023 porque aumentaron os ataques", afirmou Rueda, quen incidiu no 10% máis que recibirá de axuda cada gandeiro. Outros dous millóns serán para medidas de prevención como valados eléctricos ou contratación de pastores. Para os danos ocasionados por xabarís, hai 2,4 millóns e 130.000 no caso dos que provocan osos, sobre todo en colmeas.

Coincidindo coa presentación destas axudas, o presidente da Xunta volveu mostrar o desacordo do Goberno en relación á postura estatal coa protección do lobo "e a prohibición de facer ningún tipo de batida", incidindo no "aumento" de ataques por parte dos mesmos.

Axudas da PAC

No Consello, deuse luz verde ao destino do 90% das axudas da Política Agraria Común (PAC) que quedaban sen abonar, en concreto 99,3 millóns, e que se empezarán a pagar "esta mesma semana", precisou Alfonso Rueda. Delas, beneficiaranse 23.000 agricultores e gandeiros, "que reciben 215 millóns de euros da PAC e deles 160 son de axudas directas".

Na reunión desta segunda feira, tamén se aprobaron doce millóns de euros para manter e reforzar programas de sanidade e produción en animal en explotacións gandeiras, con plans para vixilancia e erradicación de enfermidades ou limpeza das citadas explotacións, ademais de axudas ás agrupacións de defensa sanitarias galegas.

En relación aos animais domésticos, acordouse destinar 1,7 millóns de euros os recursos achegados a concellos e protectoras, o que supón triplicar a contía.