Unha nova enquisa de El País coloca Cs moi por cima do PP

Albert Rivera en Vigo (Foto: Ciudadanos)

La Voz de Galiza, en troca, pon Ciudadanos como cuarta forza política en Galiza nunhas eleccións xerais, embora rexiste un significativo aumento sobre a convocatoria eleitoral de xuño de 2016.

A distancia entre Ciudadanos e PP comeza a ser sideral, 7,4 pontos en estimación de voto, segundo o último inquérito de Metroscopia para El País dado a coñecer este domingo. A marca liderada por Albert Rivera obtería 28,9 por cento das papeletas válidas face 21,5 por cento das conquistadas polas candidaturas do PP. Sería un envorcamento radical a respeito dos resultados de xuño de 2016. Naquela altura o PP conseguiu 33,03 por cento dos sufraxios face 13,05 de Cs.

 

Na esquerda e centro-esquerda de ámbito estatal, o PSOE fica en 19,4 por cento (3,26 pontos menos que en 2016) e Unidos Podemos e as confluencias retroceden até 17 por cento dos sufraxios (4,1 por cento menos que nas últimas xerais).

 

O panorama en realidade é o seguinte: PP, PSOE e UP perden conxuntamente 7,49 por cento do voto, en tanto que Cs incrementa 15,85. E isto nun contexto de relativa desmobilización do eleitorado. Metroscopia prognostica unha participación de 66 por cento das persoas con direito a voto, 4 pontos menos que en 2016. As desercións danse basicamente no eleitorado do PSOE (27 por cento de ex votantes declaran que desta volta non irán aos colexios eleitorais) e do PP (19 por cento).

 

Metroscopia rexista tamén un claro escorregamento do eleitorado cara á dereita. En 2016 a suma PP e Cs atinxía 46,1 por cento das preferencias das e dos eleitores. Agora esa cifra sobe até 50,5 por cento.

 

Galiza

 

Mentres tanto, un inquérito de Sondaxe -a empresa demoscópica de La Voz de Galicia- rebaixa as expectativas de Cs no noso país. Aquí a formación laranxa incrementaría os seus apoios, mais sensibelmente menos do que en España. Ascendería 4 pontos, até se situar en 12,6 por cento dos votos. Incrementarían tamén apoios En Marea (0,8 por cento até rexistar 23 por cento dos sufraxios) e BNG (1,2 por cento de incremento, 4,1 por cento dos votos).

 

La Voz prognostica o pior resultado do PP na Galiza nunhas xerais desde que este partido se conformou como tal en 1989: 36,9 por cento dos sufraxios (cede 4,6 pontos a respeito de 2016), en tanto que o PSOE ficaría en 19,8 por cento (2,4 pontos menos).

 

11,2 por cento das e dos antigos votantes do PP decantaríanse polo partido laranxa, en tanto que a fuga de votos socialistas cara á formación liderada por Albert Rivera sería de 10 por cento.