A nova alcaldesa recibe o apoio de Por Viveiro para asignarse un salario de 59.000 euros, 35% máis que a súa antecesora
O PP evita cuestionar a alza e augura que o "investimento" do custo salarial do novo Goberno "será moito máis rendíbel" para a veciñanza.
O pleno de organización do Concello de Viveiro (A Mariña), que decorrerá a próxima semana, levará como punto principal da orde do día, tras o seu paso pola comisión económica, a retribución salarial da nova alcaldesa, Mariña Gueimunde, do Partido Popular, que se asignará unha retribución de 59.000 euros anuais.
Este salario supón un 35% máis do que cobraba a anterior rexedora, a socialista María Loureiro, que era de 43.500 euros. A medida será ratificada na votación plenaria polos dous concelleiros de Por Viveiro, tal e como anunciaron na comisión.
Xunto á alcaldesa, haberá outra única dedicación exclusiva, a do concelleiro de Obras, Parques e Xardíns, Vicente Vázquez Chao, que cobrará 25.000 euros, unha cifra moi inferior aos 41.000 que recibía a nacionalista Míriam Bermúdez, e que supón un 39% menos.
En conxunto ambos os salarios supoñen 84.000 euros, unha cantidade algo inferior á que sumaban as súas dúas antecesoras. "Porque a nosa idea é manternos dentro do orzamento, non nos subimos nin un euro", explicou a alcaldesa, que recibiu críticas por este elevado salario e que xustificou a decisión, "en base ao que marca a lei".
Asegurou que o salario das Alcaldías está definido en función do número de habitantes. "E a iso subscríbome", esgrimiu, ademais de engadir que hai "consenso co meu compañeiro de partido". Gueimunde, que de formación é profesora de Secundaria, antes de entrar na Alcaldía de Viveiro desempeñaba o cargo de directora territorial na Consellaría do Mar de Celeiro.
María Loureiro e Míriam Bermúdez anunciaron a intención de absterse, xa que, "aínda que se manteñen dentro do orzamento total" consideran "totalmente desproporcionado ese salario", en palabras de Loureiro, que foi apartada da Alcaldía a través dunha moción de censura. Matizou a ex alcaldesa que Viveiro "é unha gran localidade e ten moitos servizos que é necesario atender, pero podería facerse unha repartición máis equilibrada".
A próxima semana Gueimunde dará a coñecer tamén o reparto de áreas para este novo Goberno que acaba de empezar, xa que todos terán unha área na que traballarán.
A dirección do PP non cuestiona a alza
A preguntas dos medios esta sexta feira, nunha rolda de prensa na Cámara galega, o portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, asegurou "descoñecer" tanto a retribución que se vai fixar a nova alcaldesa de Viveiro como cales eran os ingresos da anterior.
En todo caso, lembrou que existen "uns límites salariais especificados para os concellos" e agregou que, "mentres cumpra lei", non ve problema. É máis, subliñou que se trata dunha cuestión para analizar desde unha perspectiva "global" —en relación ao orzamento total do Goberno para os soldos. "Non sei cal é o custo dun Goberno e doutro. Do que estou seguro é de que o investimento que se faga nese custo salarial vai ser moito máis rendíbel" para a veciñanza, aseverou.