Mariña Gueimunde, nova rexedora Viveiro: o PP arrebata a Alcaldía ao PSdeG nun pleno tenso e concorrido
O Partido Popular goberna de novo en Viveiro (A Mariña) após máis de dúas décadas. A moción de censura presentada polo PP prosperou esta sexta feira co apoio dos independentes e converteu Mariña Gueimunde en nova alcaldesa da localidade.
O pleno abarrotou a sala municipal con simpatizantes, pero tamén con detractores de que os populares arrebaten aos socialistas o goberno deste municipio co apoio dos dous concelleiros de Por Viveiro.
Foi unha sesión na que a veciñanza presente non dubidou en intervir en varias ocasións, en especial durante as palabras de Bernardo Fraga, portavoz de Por Viveiro. Alcaldes da comarca mariñá e da Terra Chá de todas as cores políticas, senadores e deputados provinciais asistiron ao evento xunto ao presidente da Deputación, José Tomé, entre outras autoridades.
Na súa primeira intervención como alcaldesa, Mariña Gueimunde lembrou ao seu avó, que foi alcalde da cidade e tamén deputado provincial. Gueimunde prometeu espazos e cultura para os mozos e tivo palabras de gabanza para a alcaldesa saínte, María Loureiro, e para os seus compañeiros de corporación. Malia a elevada expectación e afluencia de veciños e veciñas, a sesión transcorreu con tranquilidade e respecto aos políticos durante todo o proceso.
Críticas do PSdeG
A deputada socialista Lara Méndez cargou contra a "compra de vontades" do PP na moción de censura desta sexta. Acusa os populares dunha "política caciquil" que "instrumentaliza as institucións para o ben do PP".
Na Comisión de Industria, Méndez iniciou a súa intervención cun agradecemento ás mostras de pésame pola morte da que era alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, nestes "días duros", á vez que dixo que esta sexta é "outro día triste para os socialistas da Galiza" pola moción de censura de Viveiro.
Posteriormente, noutra pregunta parlamentaria, a deputada Patricia Iglesias (PSdeG) tachou de "vergoñosa" a moción, que identifica cun "funcionamento caciquil" dos populares para "chegar ao poder custe o que custe". Pola súa parte, o deputado popular Rubén Lorenzo pediu a palabra na comisión para reprobar que o termo "caciquil" para referirse ao PP "atenta" contra o "decoro" do seu grupo, polo que pediu a retirada desa expresión.
A respecto diso, a presidente de Comisión de Industria, a popular Cristina Sanz, lembrou que "non hai diario de sesións" neste órgano, aínda que preguntou ao Grupo Socialista se retira a expresión e pediu a todos os grupos "respectar" ao resto. Os socialistas negáronse a esa retirada.
Felicitacións do PP
O portavoz do grupo parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, felicitou pola súa elección a nova alcaldesa de Viveiro, á que desexa sorte na súa nova etapa para "sacar" ao municipio mariñán da "parálise".
A preguntas dos xornalistas esta sexta feira nunha rolda de prensa en Santiago, Pazos Couñago mostrou a súa satisfacción polo cambio en Viveiro. Tras felicitar a Gueimunde e apelar a que o seu traballo "redunde" nos intereses da veciñanza, o portavoz dos populares no Pazo do Hórreo rexeitou as críticas do Partido Socialista á moción de censura presentada polo PP xunto aos independentes de Por Viveiro que, até hai unhas semanas, eran socios do Goberno bipartito entre PSOE e BNG.
"O socialismo só contempla as mocións de censura cando lles interesa e son eles os beneficiados", engadiu Pazos Couñago para agregar, a continuación, que o PSdeG "algún día terá que facer exame de conciencia e un repaso histórico" sobre as veces que se acolleron a este mecanismo como, por exemplo, cando o popular Gerardo Fernández Albor foi "desaloxado" da Xunta.
