Callón propón suprimir o Ministerio de Cultura e trasladar as competencias a Galiza

O número 1 de Nós Candidatura Galega pola Coruña asegura que o modelo actual “da as costas ao carácter plurinacional e pluricultural do Estado”.

Callón Nós Cultura
photo_camera (Imaxe: Nós)


Nós Candidatura Galega propón suprimir o Ministerio de Cultura e trasladar as competencias a Galiza, posto que xa están transferidas. Así o explicou o cabeza de lista pola Coruña, Carlos Callón, nun encontro con representantes do mundo cultural, onde recordou que o sector perdeu un 25% do emprego nos últimos anos pola “combinación da crise dos recortes e dunha política fiscal do PP que elevou o IVE cultural até o 21%”.

Callón asegurou que o modelo actual está deseñado desde Madrid e “da as costas ao carácter plurinacional e pluricultural do Estado”. 

A candidatura nacionalista inclúe no seu programa a redución do IVE cultural ao 4%, así como o traspaso dos fondos de promoción das actividades culturais. Nese sentido, Nós demanda a transferencia dos museos, bibliotecas e demais infraestruturas culturais, así como dotar de mellor financiamento á Real Academia Galega.

“Necesitamos que os poderes públicos apoien a nosa cultura e ao idioma propio porque representan un valor para o país, mesmo económico, e teñen que deixar de ser tratados polo PP como residuo tóxico”, destacou o número 1 da candidatura de Nós pola Coruña.
 

Comentarios