CARME ADÁN PIDE MÁIS MEDIOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Nós, Candidatura Galega levará ao Congreso o Estatuto de Vítima de Feminicidio

Carme Adán, xunto con mulleres de Nós, Candidatura Galega

Carme Adán acudiu na mañá da terza feira ás inmediacións dos Xulgados de Vigo para reclamar “máis medios” contra a violencia de xénero.

Xunto a un grupo de mulleres, entre as que estaban as membros da candidatura Olaia Fernández e Helena Pérez, Carme Adán anunciou que Nós, Candidatura Galega levará ao Congreso a proposta para elaborar Estatuto da Vítima do Feminicidio co fin de que "se recoñeza que as mulleres son asasinadas polo feito de seren mulleres e para que se lles recoñeza os seus dereitos sociais”. Tamén reclamará que "cada un dos xulgados de violencia de xénero conte cos medios necesarios”.

Con cartaces co lema “Paremos o feminicidio” e "Reforma da lei xa", as mulleres de Nós, Candidatura Galega  denunciaron ao pé os Xulgados de Vigo o recorte de partidas contra a violencia de xénero nun 26% e reivindicaron o incremento de recursos, nomeadamente nos Xulgados de Violencia de Xénero. “Non sei se mañá o PP se vai pór algún tipo de lazo polo 25-N, pero se o fai debería pensar nos recortes que o Goberno de Mariano Rajoy fixo en prevención e tratamento da violencia de xénero: un 26% menos nos orzamentos, e un 61% menos para igualdade”, sinalou a candidata.

Carme Adán: "Mañá, cando se coloquen o lazo contra a violencia de xénero teñen que pensar se se dotou aos Xulgados dos medios necesarios"

Na mesma liña, Carme Adán salientou, “mañá, cando se coloquen o lazo contra a violencia de xénero teñen que pensar se se dotou aos Xulgados dos medios necesarios, se está a escoitar ao que di a xuiza de violencia de xénero de Vigo sobre as necesidades neste xulgado en concreto, pero tamén no resto de Galiza”. “Mañá cando os candidatos e candidatas do PP, incluída Ana Pastor, se poñan o lazo deben pensar se o Goberno do que ela formou parte estivo realmente comprometido con este grave problema”, engadiu.

Carme Adán tamén cargou contra o PP por “practicar exercicios de última hora, pois de nada serve que no último Consello de Ministros falaran da violencia de xénero porque durante 4 anos esqueceron as mulleres que sofren violencia machista, esqueceron as vítimas”.

Alén das necesidades en materia xudicial, a candidata de Nós, Candidatura Galega referiuse ás eivas que sofre o eido psicolosocial, “a día de hoxe hai un atraso de 18 meses nos expedientes”. En relación a isto, puxo de manifesto que “se de verdade se está contra o feminicidio, é imprescindíbel que se dote dos recursos humanos e materiais necesarios. Non hai escusa posíbel”.