“Non lle temos medo á mafia do PP”

Unha concentración nas portas da Deputación de Pontevedra denunciou os ataques e ameazas sufridos polos deputados provinciais do BNG e reivindicou o traballo desenvolvido pola formación nacionalista no ente provincial.

O BNG reivindicou esta terza feira, nunha concentración perante a Deputación de Pontevedra, o traballo dos deputados nacionalistas na entidade provincial, após a campaña de insultos e ameazas da que foron albo nos últimos días. Unha campaña que o Bloque atribúe ao seu compromiso por “erradicar o caciquismo” do PP das deputacións. Alcaldes, concelleiros, militantes e simpatizantes da comarca asistiron á concentración, na que se reivindicou que “non lle temos medo á mafia do PP”, tal e como sinalaban os cartaces que levaban os participantes.

“Estamos aquí para mudar as cousas, acabar co caciquismo e cambiar esta sociedade”, dixo César Mosquera, vicepresidente da Deputación. “Imos acabar para sempre coas chantaxes”, manifestou Luis Bará, candidato do BNG por Pontevedra no 26X.

A portavoz nacional, Ana Pontón, puxo o nacionalismo como exemplo de compromiso e traballo para que “democratizar” as entidades provinciais e que “deixen de estar ao servizo do PP para estar ao servizo dos concellos”. Así, Pontón quixo deixar claras dúas cousas: “A primeira é que non nos van a calar nin a intimidar, que o BNG non se vai arrugar por moitas prácticas mafiosas que se fagan. E en segundo lugar, que acabamos co caciquismo na Deputación de Pontevedra péselle a quen lle pese, péselle ao PP, a Rueda ou a Feijóo. Para iso serve o labor do BNG nas institucións”.

Querela

O PP anunciou que avaliaba presentar unha querela contra César Mosquera (vice-presidente da Deputación) e Carmela Silva (presidenta) por relacionalas coas ameazas e intimidacións que sofren os deputados provinciais do BNG. O grupo provincial desta formación, de por parte, remitiu unha carta a Alfonso Rueda, presidente do PP de Pontevedra, instándoo a “parar a deriva matonista e mafiosa”.

Cómpre lembrar que, para alén de pintadas con insultos e ameazas, nos últomos días apareceron coroas fúnebres destinadas a César Mosquera e Uxío Benítez (deputado de Mobilidade)