Entrevista

Miguel Tellado: "Non lle reclamamos nada a Sánchez que non lle reclamásemos a Raxoi"

O número dous do PP galego, Miguel Tellado, fala da "deslealdade institucional" do Goberno do Estado con Galiza pola débeda do IVE.
O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado (Arxina).
photo_camera O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado (Arxina).

O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, asegura a Nós Diario que o Estado "pechou" a vía do "diálogo" coa Xunta a respecto da débeda do IVE e que esta é a "principal" demanda que mantén o Goberno galego co Estado. "Despois diso falamos de todo o demais", asevera desde a sede popular en Compostela.

—Por que non aceptou o Partido Popular reclamar a débeda do IVE cando o BNG o propuxo no Parlamento galego hai uns meses?

Nós cremos que lamentabelmente temos que chegar á vía xudicial logo de esgotar todas as vías previas que o razoábel aconsellaba esgotar. Agora que a propia ministra recoñece que o Goberno non vai facer fronte a este pago, é o momento de acudir á vía xudicial. Entre Gobernos que manteñen unha relación de lealdade institucional o lóxico é esgotar as vías de diálogo e, cando esas vías se pechan por parte dunha das bandas, é preciso acudir á vía xudicial.

—É esa "deslealdade institucional" da que fala o presidente da Xunta nas últimas semanas?

É unha deslealdade institucional incluso porque o Goberno de Pedro Sánchez incumpre os seus propios compromisos. A ministra, nunha xuntanza en agosto de 2018, comprometeuse co presidente da Xunta a desbloquear esa cuestión. Non o fixo en ano e medio e agora, abertamente, din que non o van a pagar. 

—Levaría a Xunta aos tribunais  un Goberno de calquera cor política?

Creo que xa o fixemos, que houbo reclamacións ao Goberno de Mariano Raxoi coa mesma intensidade. A proba disto é que o Goberno de Raxoi contemplou nos orzamentos de 2018 o pago dese diñeiro do ano 2017, o que pasa é que houbo unha moción de censura unha semana despois da aprobación dos orzamentos e o novo Goberno non cumpriu con esas contas. Nós reivindicamos sempre o mesmo. 

—Que percorrido pode ter o recurso contencioso administrativo que presentará a Xunta após o requirimento previo?

Correspóndelle á asesoría xurídica da Xunta estabelecer cal é a formulación xurídica para facer efectiva esta recomendación.

Nós o que lamentamos é que o presunto líder do PSdeG se converta nun hooligan de Pedro Sánchez en lugar de defender os intereses da Galiza. Hai líderes socialistas noutros territorios do Estado que defenden mellor os intereses da Galiza que Gonzalo Caballero, e representantes socialistas aquí que se aliñan coa Xunta neste asunto.

—Esta semana na Cámara Galega o deputado Alberto Pazos Couñago sostivo que o PP galego "nunca" vai pactar con Vox porque nunca "pactará contra os dereitos das mulleres". Porén, Vox nega a violencia machista e a súa formación xa ten pactos con este partido no Estado.

Nós o que dixemos é que nunca pactaríamos o recorte de dereitos nin das mulleres nin de ningún outro colectivo. Temos claro o que somos e o que non somos e, desde logo, o PP da Galiza está instalado na moderación e no centro político. Proba disto é que representamos a esa maioría social de galegas que queren estabilidade.

—Pero negar a existencia da violencia machista é de facto recortar dereitos ás mulleres.

Nós non compartimos con Vox ese tipo de posicionamentos.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios