Néstor Rego reclama a Pedro Sánchez "coherencia" no seu 'non á guerra' e aprobar medidas "para protexer as maiorías sociais"

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
O deputado do BNG cualifica Feixoo de "hipócrita" por apoiar a agresión militar dos Estados Unidos e Israel contra o Irán e agora "reclamar medidas para beneficiar as grandes empresas enerxéticas".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interveu durante a comparecencia do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, para urxir o Executivo a aprobar medidas “urxentes e suficientes que permitan paliar as consecuencias que está a provocar a guerra imperialista no Irán e no Líbano”. Rego denunciou o ataque militar dos Estados Unidos e Israel contra o Irán e cualificouno como un “acto de guerra inxustificábel”.

Rego sinalou que a escalada bélica após o ataque dos Estados Unidos e Israel contra o Irán “agrava” a inestabilidade global e subliñou que “xa está a ter consecuencias económicas e sociais directas sobre a Galiza e as maiorías sociais”.

Medidas do BNG para facer fronte á crise

“Señor Sánchez, pouco ou nada falou vostede de medidas. Ao BNG preocúpanos constatar que, máis unha vez, van ser insuficientes. Aínda poden e deben rectificar”, sinalou o deputado do BNG no Congreso durante a comparecencia, convidando o presidente a aprobar medidas que a organización nacionalista xa trasladou ao executivo.

Para o BNG, explicou Rego, a prioridade é “protexer Galiza e as maiorías sociais”, polo que urxiu o Goberno a que adopte novas medidas “cantos antes”, a comezar por “aquelas que xa se teñen demostrado máis eficaces: topes aos prezos dos combustíbeis, de produtos e servizos básicos, de hipotecas e alugueres; unha nova política tributaria con impostos á banca, ás grandes fortunas e ás empresas enerxéticas, actualizar as pensións mínimas ou o salario mínimo, así como levantar as regras fiscais”.

Un papel activo do Estado español e cumprir co “Non á Guerra”

O deputado nacionalista valorou que o presidente do Goberno “levante agora a bandeira do Non á Guerra” mais reclamou unha “coherencia real” nesa posición: “non é coherente erguer esa bandeira e, ao mesmo tempo, continuar aumentando exponencialmente o gasto militar, continuar na OTAN, manter as bases militares americanas, facer apoloxía do militarismo -como farán no próximo 30 de maio en Vigo- e non denunciar o bloqueo criminal a que os Estados Unidos están aplicando a Cuba”.

“Defender a vida e a humanidade é situarse con coherencia na trincheira do antiimperialismo e consecuentemente no antimilitarismo e na defensa de políticas de paz, como fai o BNG”, salientou Rego durante a comparecencia.

Ante esta situación, reclamou ao Estado español un papel “activo” para frear a agresión israelí en Palestina e no Líbano, avanzar no recoñecemento efectivo do Estado palestino, denunciar o bloqueo a Cuba e axudala, así como defender a soberanía dos pobos fronte ás inxerencias.

Un Estados Unidos en “decadencia” e un PP que “aplaude os ataques”

Durante a súa intervención, Rego contextualizou o conflito actual nun escenario global marcado polo declive da “hexemonía estadounidense”. “Hoxe os Estados Unidos son un imperio en decadencia que se resiste a perder a hexemonía económica, política e militar que mantivo de forma clara durante décadas, fronte á emerxencia dun novo mundo multipolar” afirmou.

Aliás, o deputado do BNG cargou con dureza contra o Partido Popular ao que acusa de apoiar a escalada bélica e cualificounos de “hipócritas”. “Hoxe, señor Feixoo, subiu aquí a dicir Non á Guerra mais vostede aplaudiu o ataque dos EUA e Israel contra o Irán e alentou xa previamente esa posibilidade” denunciou.

Por último, sinalou que as propostas do PP “non buscan protexer a maioría social: son, con certeza, lágrimas de crocodilo, porque as medidas que están a defender non son para protexer as clases populares, son para defender as grandes empresas amigas”.