Pedro Sánchez: "Calar ante unha guerra inxusta e ilegal non é prudencia, nin lealdade, é un acto de covardía e de complicidade"
O presidente do Goberno estatal alertou de que "o último que necesitaba o mundo era outra guerra, unha que nos afasta das prioridades da xente".
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, acusou o PP esta cuarta feira, durante a súa comparecencia na Sesión Plenaria do Congreso, de “calar ante unha guerra inxusta e ilegal”, recordándolle que o silencio “non é prudencia, nin lealdade, é un acto de covardía e de complicidade”.
Sánchez alertou de que “o último que necesitaba o mundo era outra guerra, unha que nos afasta das prioridades da xente”. Durante a súa comparecencia no Congreso para explicar a posición do Estado español na guerra no Irán, o presidente estatal defendeu o seu rexeitamento ás agresións de Estados Unidos e Israel.
Sánchez comparou o conflito actual coa guerra do Iraq do ano 2003 e cargou con dureza contra o entón presidente, José María Aznar (PP), ao que acusou de apoiala "para sentirse importante" porque quería que o daquela presidente estadounidense George Bush "o convidase a un puro" e poder "pór os pés sobre a mesa".
"Unha guerra a cambio da dignidade de todo un país a cambio desa foto", lanzou Sánchez na súa intervención inicial, facendo fincapé en que esa guerra provocou 300.000 mortos, 5 millóns de desprazados e un país en ruínas e ademais fomentou o crecemento de grupos terroristas como Al Qaeda e Daesh, e atentados como o de Madrid de 2004.
O socialista considera que agora a historia se repite e a Aznar substituírono os actuais líderes de PP e Vox, Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal, respectivamente "e a Bush substituíno Donald Trump", sinalou.
En lugar do Iraq, seguiu, está Irán un país co dobre de poboación e un peso sobre a economía mundial "5 veces maior" que, alerta, é unha potencia militar que leva décadas preparándose para esta guerra.
"O que quero dicirlles con todo iso é que non estamos ante o mesmo escenario que na guerra ilegal do Iraq, estamos en algo moito peor, moito peor, cun potencial de impacto moito máis amplo e moito máis profundo", vaticinou.