Néstor Rego exixe ao Goberno español "rexeitar a escalada belicista da Unión Europea"
O Bloque Nacionalista Galego levou ao Congreso a súa oposición á escalada militarista da Unión Europea e á submisión do Goberno do Estado ás políticas imperialistas dos Estados Unidos. O deputado do BNG, Néstor Rego, denunciou durante a interpelación do BNG ao Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, a falta de resposta ante as ameazas de Donald Trump, a hipocrisía da UE en materia de sancións e a intención de destinar 800.000 millóns de euros a un fondo de guerra.
Desta forma, o BNG reafirma a súa "defensa da paz, da soberanía dos pobos e das políticas sociais", á que suma outra demanda, "unha mudanza de rumbo" que aposte pola diplomacia e o desarmamento en lugar do aumento do gasto militar.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelou o Ministro de Asuntos Exteriores sobre a posición do Goberno do Estado fronte ás ameazas e imposicións do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e sobre a deriva militarista da Unión Europea. O Bloque Nacionalista Galego denunciou o silencio cómplice do Executivo fronte ás accións de Washington e, neste sentido, reclamou unha aposta decidida pola paz e a soberanía dos pobos.
"Silencio cómplice"
Néstor Rego cuestionou que o Goberno do Estado e a Unión Europea permanezan impasíbeis ante anuncios, realizados por Trump, de "extrema gravidade" como a imposición de aranceis comerciais ou as ameazas militares contra terceiros países, incluído un Estado membro da UE como Dinamarca. "O silencio fronte a estas accións non só é preocupante senón que evidencia a total submisión aos intereses do imperialismo norteamericano", denunciou o deputado nacionalista.
Rego destacou especialmente a situación en Gaza, onde Trump anunciou a intención de proceder ao desprazamento forzoso de toda a poboación palestina para converter a zona nun resort baixo control estadounidense. "Falamos dun crime de lesa humanidade, dunha limpeza étnica anunciada publicamente, sen que o Estado ou a UE fixesen ningunha condena", censurou o deputado.
Para o BNG, a UE seguiu as directrices de Estados Unidos aplicando sancións masivas á Rusia, mais en ningún momento adoptou medidas semellantes "contra o Estado sionista de Israel", a pesar do xenocidio en Gaza e da morte de máis de 50.000 persoas. "A hipocrisía da UE é evidente", dixo Rego. "Seguen unha política de total seguidismo do imperialismo estadounidense, mesmo cando este ameaza con tomar pola forza un territorio dun Estado membro, como no caso de Grenlandia".
Cambio de rumbo
Desde o Congreso dos Deputados, o BNG reiterou a súa oposición ao incremento do gasto militar na UE, que xa prevé un fondo de guerra de 800.000 millóns de euros. "Máis gasto militar non é sinónimo de máis seguridade. Éo de máis inestabilidade e de máis recortes sociais", asegurou Rego. "Mentres algúns falan de investir 3% ou mesmo 5% do PIB en armamento, no BNG temos clara a nosa prioridade: se hai que escoller entre hospitais e bombas, escollemos hospitais; entre escolas e mísiles, escollemos escolas; entre vivendas e tanques, escollemos vivendas", reivindicou Rego.
Por este motivo, o deputado nacionalista urxe ao Goberno a rexeitar a escalada militarista e apostar pola paz, a soberanía dos pobos e a defensa dos dereitos sociais. "O Estado debe rexeitar o fondo de guerra da UE, apostar pola saída da OTAN, impedir o uso das bases militares españolas para operacións inxerencistas e, sobre todo, mudar de rumbo para defender os intereses das maiorías sociais e non os do gran capital armamentístico", concluíu Rego.
"Gaza ten que ser para os gazatís"
Con respecto á interpelación formulada por Néstor Rego sobre o plan do presidente estadounidense de facerse co control da Franxa de Gaza, José Manuel Albares reiterou que Gaza ten que ser para os gazatíes e formar parte do futuro Estado palestino.
"A proposta de desprazar a poboación de Gaza da súa terra é inadmisíbel", subliñou, en referencia á intención de Trump de trasladar fose do enclave aos preto de dous millóns de palestinos que viven nel. E éo, sostivo, non só "desde un punto de vista moral, senón porque é unha violación dos principios máis elementais do Dereito Internacional".
Ao seu xuízo, "é un erro xeopolítico que só traería máis sufrimento a palestinos e a israelís e ademais imposibilitaría totalmente un futuro en paz, invalidando a solución de dous estados", remarcou.