Unha nación viva na Quintana
O BNG enche a zona vella de Compostela nun 25 de xullo de mobilización por “soberanía e traballo” e no que se reclamou como unha organización “que non baixa os brazos na defensa de Galiza” fronte o novo bipartidismo a catro.
Miles de persoas volveron marchar máis unha vez por Compostela respondendo ao chamado do BNG. Unhas quince mil, segundo fontes da organización consultada por Sermos Galiza, unha cifra que após o acontecido desde o pasado 25 de xullo non deixa de ser sintomática da capacidade de resistencia e convocatoria do nacionalismo. Expresábao a propia portavoz nacional, Ana Pontón, cando comezou a súa intervención perante unha ateigada Praza da Quintana recoñecendo que “falo ante vós emocionada, polo voso amor e a vosa dignidade, pola vosa lealdade ao que hoxe nos convoca:Galiza”.
“Que agarden sentados os que nos querían na casa, deprimidos e derrotados, aquí estamos e aquí seguiremos”, dixo Ana Pontón
Foi unha das manifestacións máis puntuais. O bruar dos bombos e gaitas do Baixo Miño que anunciaba a marcha nacionalista colleu a parte da parroquia apurando cafés ou mirando os tradicionais postos que por esta data poñen na Alameda compostelán as diferentes organizacións nacionalistas.
Multicolor
O corazón pétreo da capital galega vibrou co ambiente de festa de miles de persoas a reclamar, tal e como era o lema do BNG para este 25 de xullo, “unha Galiza viva”. As 'piruletas' con frases de Manuel María combinaban coas faixas dos emigrantes retornados, a faixa de 'Jimmy Vive' irmanaba con camisolas celtistas que unían no deseño o escudo da equipa coa deseñada por Castelao, os emigrantes retornados marchaban a carón dos ambientalistas... A calor, sufocante por veces, e o zoar do helicóptero da Policía española non facían mella na marcha nacionalista. “Non renunciamos á patria galega”, berraban os manifestantes ao pasar polo Praza do Toural mentres que aínda había xente saíndo da Alemada compostelá. “Que agarden sentados os que nos querían na casa, deprimidos e derrotados, aquí estamos e aquí seguiremos”, enfatizaba Ana Pontón.
Convidou a “todos os galegos”, fosen ou non nacionalistas, “galego-falantes ou non”, a “confiar colectivamente nas nosas capacidades como pobo e atrevernos a soñar unha Galiza diferente”
Veteranos como Xosé, das Rías, que manifestaba que “esta é como a miña familia”, en referencia ás persoas que tomaban parte nunha mobilización á que, botaba contas, non faltaba desde a primeira vez que fora, no 1986, con 17 anos e “facendo dedo con dous amigos”. 'Novatas' como a súa filla Silvia, 15 anos, e que recoñecía que era a primeira vez que acudía ao 25 de Xullo. “Gústame”, apontaba, “está animada a cousa”.
A gran serpe multiculor circulaba pola sinuosidade do trazado da zona vella compostelá. Seguía o ondear de bandeiras, as consignas, as cancións. A delegación internacional (vascas, catalás, palestinianas, saharauis, occitanas...) facían bo aquilo que escribira Neruda da “solidariedade é a tenrura entre os pobos” rescribíndoo en chave de “soberanía”. A soberanía é a tenrura entre os pobos.
Castelao e Rosalía, os vellos “roqueiros” que nunca morren.
Baixo un sol que non perdoaba e o zunir do helicóptero policial que non cesaba íase ateigando A Quintana. A Praza compostelá ía enchendo mentres aínda había xente saíndo da Alamenda. Isabel Risco facía de 'mestra de ceremonias' desde o palco. Animando a soportar o calor de xustiza. “Non collemos, imos ter que ir para a Praza do Obradoiro”, afirmaba, ao tempo que reclamaba que “somos modernos” e por iso “reivindicamos Castelao e Rosalía”, porque “os vellos roqueiros” non morren e a de Iria e o de Rianxo “son os nosos superherois”. Aplausos abouxadores. Tan abouxadores como os apupos adicados a Ana Pastor cando a citou Ana Pontón para cualificar o seu nomeamento como presidenta do Congreso como un “insulto ás vítimas e ao pobo galego”.
Miles de persoas ateigaron a zona vella compostelá nunha manifestación que entraba na Quintana mentres a cola non saíra aínda da Alameda
A quenda de intervencións abriuna David Pichel, do PCPG, que emprazou a “erguermos a bandeira irrenunciábel da soberanía” para “construír unha sociedade sen clases nunha patria libertada”. Tomou despois a palabra Segundo González (FOG), que deixou ben claro que “estamos aquí para dicir, con voz forte e nídia, non nos derrotarán!”.
“Vai facendo as maletas, Feijóo, que imos quitarte da Xunta co BNG!”. Alberte Mera, de Galiza Nova, puxo sobre a mesa a oportunidade que se abre en outubro para derrotar o PP. Aliás, non só para iso, mais tamén para erguer unha política diferente e con Galiza como epicentro e trabe.
“Somos a Galiza que non baixa os brazos”
Ana Pontón comezou a súa intervención aplaudindo os asistentes a este 25 de Xullo e agradecendo o seu compromiso para co país e o nacionalismo. Reivindicouse orgullosamente nacionalista, “o corazón nacionalista da Galiza continúa latexando, latexa aquí nesta Praza da Quintana”, e agradeceu o traballo desenvolvido polo grupo parlamentar do BNG nestes catro anos, especialmente o de Francisco Jorquera, portavoz parlamentar.
O lexítimo dono de Galiza, o pobo galego
Nun discurso que entrou sen medo na pre-campaña electoral, Pontón defendeu o valor dun BNG que “non é nin unha moda, nin un invento do IBEX 35, nin un produto da teletenda” e expuxo a xestión nos concellos como mostra de bo facer. Defendeu o traballo das consellarías nacionalistas durante a coligazón co PSOE, e recoñecendo erros, acusou a Feijóo de ter como “único mérito” facer máis dano a Galiza en sete anos que “Fraga en 16”.
Convidou a “todos os galegos”, fosen ou non nacionalistas, “galego-falantes ou non”, a “confiar colectivamente nas nosas capacidades como pobo e atrevernos a soñar unha Galiza diferente”. Un apelo que realizou para “devolver este país ao seu lexítimo dono: o pobo galego”.
Foi entón cando Mencía e Celtia, dúas nenas, ergueron no escenario a bandeira de Galiza co escudo deseñado por Castelao, a 'da serea', ao tempo que miles de voces cantaban o himno galego. “Común temos a Patria”, escribira Celso Emilio Ferreiro. O que reclamaron máis de 15.000 persoas neste 25 de xullo, máis un ano, en Compostela.