Unha muller denuncia o presidente da Deputación de Ourense por ofrecer traballo a cambio de sexo

"José Manuel Baltar prometeume unha praza fixa se mantiña relacións sexuais con el e perante a necesidade, accedín” afirma a denunciante na exclusiva que publica 'El Diario'. 

Baltar
photo_camera Baltar

Unha muller ourensá denunciou perante a Fiscalía o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, por ofrecerlle en 2010 un posto de traballo fixo na institución a cambio de manter relacións sexuais con el. Así informa 'El Diario' na exclusiva que publica esta terza feira e que xa provocou que Baltar anunciase o inicio de ”todas as accións xudiciais” pola publicación da nova.

A denunciante recoñece que accedeu “a manter relacións sexuais” con Baltar. “Citoume na habitación 505 do Hotel Francisco II de Ourense”, afirma, engadindo que o agora presidente da Deputación -na altura dos feitos non o era, ese posto ocupábao seu pai- propúxolle novos encontros, aos que ela se negou.

"Citoume na habitación 505 do Hotel Francisco II de Ourense”

Esta ourensá explica no escrito que publica o dixital 'El Diario', que de 2003 a 2009 traballou na Deputación e que por iso coñece a José Manuel Baltar e o seu pai, José Luis Baltar. Afirma que tamén fixo traballos para o PP “axudando en congresos e outros actos”. Afirma ter gravacións e SMS de Baltar que corroborarían a súa denuncia. “Foi un abuso da miña situación de necesidade para se aproveitar sexualmente de min”.

Após o encontro sexual, afirma 'El Diario', Baltar incumpríu o seu compromiso e nunca chegou contratar a esta muller. É aí cando esta deu inicio a unha etapa de anos a exixir que Baltar cumprise o que prometera, gravando as conversas nas que lle exixía iso.

Demisión

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz afirmou que “unha persoa sobre a que pesa unha acusación tan grave de atentado contra a liberdade sexual dunha muller, non pode estar nin  un minuto ao fronte dunha institución”. Pola súa parte, a deputada nacionalista, Carme Adán botou man da Lei Galega para a Prevención e Tratamento de Violencia de Xenéro  que recolle no artigo terceiro “o acoso sexual” como unha forma de violencia contra as mulleres, “violencia machista”, polo que reclamou que, de maneira inmediata, a Vicepresidencia e en concreto a Secretaria xeral de igualdade, “inicie unha investigación de oficio” para coñecer o alcance da denuncia, e de ser o caso, que “esixa a dimisión do Sr. Baltar”.

Para Anova, "a prevaricación de Baltar vese sumamente agravada por un presunto caso de violencia sexual ligada ás relacións de poder", e que "Baltar se aproveita da súa situación de superioridade, exercendo o máis rancio machismo". Por iso considera que o presidente da deputación debe demitir.

Desde o PSdeG pediuse a "convocatoria urxente" da xunta de portavoces da Deputación para que Baltar "dea explicacións". O grupo dos socialistas na institución provincial considera que de ser certa a nova, Baltar "non debería seguir un minuto máis" á fronte da Deputación.

Comentarios