O BNG chama a abrir "unha fenda democrática"

Un mosaico contra o centralismo e polo dereito a decidir

[Imaxe: BNG]

Un mosaico de grandes dimensións azul e vermello coas palabras Galiza Nación xurdía no mediodía da quinta feira, día 6 de decembro, para reivindicar acabar co centralismo e para lograr ferramentas e soberanía para a mellora da vida das persoas e para facer que Galiza progrese. Así respondía o BNG á conmemoración dos 40 anos da constitución española, que xa entón, lembrou Ana Pontón, “non xerou nin entusiasmo nin tivo un apoio masivo na Galiza”.

Pasadas as 12 horas, unha gran bandeira da patria e un mosaico azul e vermello coas palabras Galiza Nación agromaban na praza do Obradoiro. Esta foi a maneira simbólica que tivo o BNG de reclamar un novo estatus político para Galiza e capacidade de decidir en aras da igualdade, da xustiza e do benestar.

 

Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, comezaba o seu discurso lembrando que o 6 de decembro de 1978 Galiza era, xunto Euskal Herria, os territorios do Estado español con menor participación no referendo da constitución, “apenas un de cada dous galegos foi votar”. A continuación, a dirixente nacionalista teceu un balanzo do “pensamento único” que a levou a concluír que “a constitución non serviu para darlle solucións aos problemas de Galiza” por “moitas toneladas e toneladas de propaganda e manipulación”.

 

“A constitución non serviu para darlle solucións aos problemas de Galiza” por “moitas toneladas e toneladas de propaganda e manipulación”

 

Tirou de cifras para ilustrar a situación de Galiza pasados 40 anos. “Perdeu un 3% da poboación e a achega do PIB a respeito do Estado pasou de ser o 6% a principios dos oitenta a ser o 5,2% hoxe”, sinalou, “mais esta non foi a tendencia en todo o Estado”. “Onde se concentraron a riqueza e a poboación”, preguntouse, “en Madrid”. “Non é froito da casualidade, é resultado dun deseño centralizador que beneficia Madrid e prexudica Galiza”, engadiu.

 

Pontón afondou nos prexuízos que representa o centralismo para Galiza e advertiu de que Madrid actúa como “un buraco negro que concentra investimento público e poder político e financeiro que son insaciábeis e que queren seguir alimentando o centralismo”. Desmentiu que o Estado español sexa descentralizado. Para o facer puxo como exemplos que os impostos se recadan en Madrid e que é en Madrid onde se deciden sobre as costas galegas, os portos, aeroportos, a enerxía, o río Miño, a AP-9, o tráfico, a seguridade, a xustiza, a planificación económica ou os dereitos. “A máis centralismo, máis desigualdade”, concluíu.

 

Un novo estatus político

 

Tras trazar o contexto, a portavoz nacional do Bloque reivindicou un estatus político para Galiza que “nos recoñeza como nación e nos dea ferramentas e soberanía para mellorar a vida das persoas e facer que o país avance e progrese, porque podemos facelo se decidimos desde nós”. Así, optou por mudar “o centro de gravidade” e advertiu de que “se queremos dar unha solución aos nosos problemas, debemos gañar poder político e económico”. “O noso problema é a dependencia”, salientou.

 

Pontón cargou contra unha transición que lonxe de ser “modélica” foi “un pacto das elites franquistas”. Sinalou neste corenta aniversario da constitución española que a carta magna é “dos herdeiros do franquismo reconvertidos a demócratas de toda a vida, dos militares golpistas, da Conferencia Episcopal reaccionaria, dos monárquicos e da oligarquía financeira”.

 

“Como non imos cuestionar a constitución se foi froito dun acordo entre o vello réxime, o exército e a dereita e esquerda española?”

 

“Como non imos cuestionar a constitución se foi froito dun acordo entre o vello réxime, o exército e a dereita e esquerda española?”, apuntou. Engadiu que, ademais, o documento deu luz verde á “impunidade dos crimes franquistas”, á monarquía e aos “xuíces franquistas que seguen en moitos xulgados”; consagra o “libre mercado” como única opción e nega que “Galiza existe e ten dereito a decidir o seu futuro”.

 

Após reivindicar a “coherencia” do nacionalismo galego e tras afirmar que parte da esquerda española foi “cómplice de restaurar a monarquía medieval”, reivindicou o dereito á autodeterminación. Un dereito, salientou, que “non se pode negar en ningunha constitución". Tamén foi crítica co autodenominado bloque constitucional, unha “operación política para salvar os privilexios duns poucos”.

 

Vox e as FAES

 

Ana Pontón tamén se referiu á extrema dereita española, “hai algúns sorprendidos pola súa aparición, mais nós sempre dixemos que Franco morreu na cama pero o franquismo non morreu”. “Rétovos a que me digades a diferenza entre Vox e FAES ou acaso non levaban anos na dereita coa axenda de máis centralismo, de ilegalizar ideas políticas, de atacar o nacionalismo, os dereitos das mulleres, dos colectivos LGTBI ou da lingua galega?”, subliñou.

 

“Rétovos a que me digades a diferenza entre Vox e FAES"

 

Apelou entón a “non caer na política do medo”, que “paraliza a sociedade e fai que o monstro sexa maior” e finalizou chamando as nacións sen Estado a abriren “unha fenda democrática a favor da igualdade, da xustiza e dos dereitos”. “Temos todo por gañar se confiamos en nós mesmas”, concluíu.

 

No acto convocado polo BNG con motivo do 6 de decembro tamén tomaron a palabra a candidata nacionalista por Compostela, Goretti Sanmartín, e o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández.