Moncloa asina o convenio para a produción do documental sobre o "lado máis humano" de Pedro Sánchez

A secretaría de Estado afirma que a serie "en ningún caso presentará caracteres propios de propaganda ou publicidade partidista ou política".
Pedro Sánchez, na Moncloa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, na Moncloa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A secretaría de Estado de Comunicación asinou coas produtoras Secuoya Contenidos e The Pooltm un convenio para a rodaxe dunha serie documental que retratará o traballo diario do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, co obxectivo de "difundir o funcionamento da Presidencia do Goberno e de dar a coñecer á cidadanía o proceso de toma de decisións" e mostrar o seu "lado máis humano".

No convenio, publicado este sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE), a secretaría de Estado estima que o documental, que ten o título provisional de 'As catro estacións', constitúe "un instrumento idóneo" para trasladar á sociedade as funcións e o 'quefacer' diario da Presidencia do Goberno.

Por iso, incluirase "de maneira primordial" a realidade do traballo de Sánchez e o seu labor diario, "todo iso a partir da perspectiva dos produtores e do persoal creativo contratado para a súa produción". A secretaría de Estado destaca que a serie "en ningún caso presentará caracteres propios de propaganda ou publicidade partidista ou política", e considera que a proposta efectuada "está presidida por unha finalidade de estrita transparencia democrática".

O convenio regula o acceso ao complexo da Moncloa e as condicións de confidencialidade e difusión das gravacións que se realicen, sempre con "obxectividade" e sen inxerencias no funcionamento da Presidencia do Goberno.

O contrato prevé a emisión dunha tempada de dous episodios, se ben podería producirse outra adicional da mesma duración

"Trátase de mostrar aos cidadáns a organización da Presidencia do Goberno, as súas principais actividades e o labor das persoas que prestan os seus servizos para asegurar o seu correcto funcionamento, realizando un exercicio de transparencia acorde coa democracia do século XXI", sostén o documento.

A serie estruturarase nunha tempada de dous episodios de aproximadamente 45 minutos de duración cada un, e os produtores teñen dereito, que non obriga, a gravar unha segunda tempada con outros dous.

O convenio está rexido polos principios de "obxectividade e ausencia de carácter propagandístico, non inxerencia no funcionamento dos órganos da Presidencia do Goberno, ausencia de contraprestación económica e voluntariedade das persoas que prestan os seus servizos na Presidencia do Goberno para a participación no documental".

Por último, o convenio estabelece que, unha vez que os produtores recuperasen a súa achega e comezasen a obter beneficios da explotación do documental, deberán ceder a organizacións sen ánimo de lucro 20% dos ingresos netos da explotación do documental.

Comentarios