A Mocidade pola Independência demanda na rúa "crear un tecido propio de contrapoder popular"

Unha manifestación polas rúas de Compostela convocada pola Mocidade pola Independência reuniu a varios centos de mozas e mozos en protesta polas consecuencias da crise e en demanda de solucións. 
A manifestación percorreu parte da cidade de Compostela (Foto: Riobó Prada).
photo_camera A manifestación percorreu parte da cidade de Compostela (Foto: Riobó Prada).

Baixo o lema de ‘A mocidade galega pasando á ofensiva’  a Mocidade pola Independência reuniu en Compostela varios centos de mozas e mozos que percorreron as rúas da capital galega para denunciar os problemas que consideran máis urxentes para a xuventude do país.

“É moi importante que a mocidade traballadora, que é a que máis se está empobrecendo coa crise, estea organizada e mobilizada cada día do ano”, asegura un dos voceiros da organización a Nós Diario. Con esta intención sinala que “é moi importante crear un tecido propio de contrapoder popular a través dos centros sociais, os sindicatos ou mesmo as Escolas Semente das que participamos”.

As consecuencias da crise capitalista

Ao remate da manifestación realizouse a lectura dun manifesto. “Ano tras ano cada véspera do Día da Patria, a mocidade independentista sae á rúa a denunciar que somos nós, a clase traballadora, quen está a pagar as consecuencias dunha nova crise”, comeza o documento que varias persoas encargáronse de ler.

“Desde a nosa infancia levamos escoitando como os medios de comunicación anunciaban a chegada da seguinte crise, cando aínda non saíramos da anterior!  Sempre hai algunha escusa que fai decrecer a economía, nos últimos anos a pandemia, agora a guerra, pero sabemos que non son problemas puntuais, o capitalismo é sinónimo de crise”, sinalan.

Para a Mocidade pola Independência, “como toda crise capitalista estamos observando dúas consecuencias, a acumulación da riqueza en menos mans e ataques directos, a través das reformas “neoliberais”, contra os dereitos da clase obreira”.

Alén diso, denuncian que “a aposta da burguesía polo sector turístico ten outras consecuencias directas ademais da precarización do emprego” e unha delas é que “o aumento dos pisos turísticos máis a acumulación de vivendas nas mans de grandes propietarios provocan que os prezos dos alugueiros suban sen parar”.

Outra das problemáticas que sinalan é a da saúde mental “A crise socio-sanitaria da Covid máis a precarización constante das nosas vidas axuda ao deterioro desta, converténdose así o suicidio entre a principal causa de morte entre a xuventude”.

Por estas razón aseguran que “se a situación segue así a mocidade traballadora galega non ten futuro” e chaman a “artellar un movemento político que poida acabar con este sistema decadente. Un movemento organizado que loite en cada recuncho do país para construírmos unha República Galega libre de explotación”.

Comentarios