Presentou un total de 241 desde xullo

O Mixto reivindícase como o grupo con máis iniciativas por deputada

O voceiro do Grupo Mixto e líder de En Marea, Luís Villares, manifestou que desde que están "emancipados" como grupo parlamentario, aínda que "situados inxustamente no Mixto", son os que máis Proposicións Non de Lei (PNL) presentaron de media por deputada no Parlamento da Galiza, un 60,2% (241) seguidos do BNG cun 50,3% (302), do Grupo Común da Esquerda (19,3%), do PSdeG (19,2%) e do PP (2,9%).

 

Luís Villares no Parlamento da Galiza (Europa Press)
photo_camera Luís Villares no Parlamento da Galiza (Europa Press)

"Isto é un indicador de que temos unha capacidade política equivalente á de calquera outro grupo parlamentario", apuntou o portavoz. As súas (PNL) estiveron centradas "nas tres emerxencias que ten Galiza: a social, a feminista e a climática".

En canto á emerxencia social, Villares salientou as proposicións para acadar unha "fiscalidade máis xusta" contraria a rebaixar os impostos aos ricos e a "recuperación do Imposto de Patrimonio" que, segundo explicou, fai que a Xunta "renuncie cada ano a entre 12 e 17 millóns de euros".

"Tamén propuxemos incrementar a fiscalidade ás grandes superficies comerciais polos seus efectos sobre sobre o pequeno comercio e porque son a alternativa máis contaminante", apuntou sobre unha medida coa que calcula recadar uns "10 millóns de euros".

Villares sinalou que desde o día 1 de xullo o Grupo Mixto presentou nove Proposicións de Lei no Parlamento, mentres que o grupo do BNG presentou "dúas" e "o resto ningunha".

Así mesmo, trasladou que teñen rexistrada unha "modificación da lei de comunicación para converter a conexión de internet de banda ancha nun dereito" e referiuse a que na última semana de xaneiro se debaterá no pleno a súa iniciativa para instar ao Congreso a "despenalizar a eutanasia".

Comentarios