Antón Gómez-Reino, aspirante á Secretaría Xeral de Podemos Galicia

“A miña candidatura responde ao mandato de unidade das bases”

A súa axenda apenas ten ocos libres na semana previa ás votacións para elixir a persoa que dirixirá Podemos na Galiza, mais Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980), candidato á Secretaría Xeral da forza morada, deputado do grupo confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea e home de confianza de Pablo Iglesias, fai un alto no camiño para conversar con Sermos Galiza no barrio coruñés de San Roque.

tone
photo_camera [Imaxe: M.O.] Antón Gómez-Reino

4A que responde a presentación da súa candidatura á Secretaría Xeral de Podemos na Galiza?

En primeiro lugar, á responsabilidade. Eu levo xa moito tempo participando nos movementos sociais do país, e é o momento de darlle un horizonte a Podemos Galicia e de axudar a acabar de construír a alternativa ao PP. En segundo lugar, creo humildemente que, con outros compañeiros e compañeiras, temos a capacidade de tecer alianzas entre diferentes sensibilidades e sectores de Podemos, cunha candidatura na que se representan diferentes sensibilidades e espazos de intervención política na organización, e iso obedece a dúas cousas: ao mandato de unidade das bases de Podemos e a intentar facer de Podemos Galicia unha organización que, dada a heteroxeneidade, parécese ao país e iso é un reto que temos por diante.

É a súa candidatura a aposta de Pablo Iglesias?

É evidente, e todo o mundo sabe, que eu comparto desde hai tempo espazo nos movementos sociais en diferentes ámbitos con Pablo e con outros compañeiros e compañeiras, mais creo que o reto que temos por diante é construír confianzas e consensos. Creo que a nova dirección de Podemos Galicia debe construír e ter confianza recíproca tanto coa dirección política estatal como cos diferentes aliados que temos no país.

Que caracteriza a súa candidatura?

O compromiso co país.

E que a distingue da encabezada por Carolina Bescansa?

A de Carolina Bescansa é a candidatura de Carmen Santos, unha candidatura continuísta, polo tanto, creo que de partida vén cuestionada polos propios círculos que convocaron esta asemblea cidadá de Podemos na Galiza. As diferenzas son tres: en primeiro lugar, moita da xente que participamos desta candidatura temos un percorrido de activismo e de participación política en diferentes espazos do país e, polo tanto, coñecemos as demandas da cidadanía; en segundo lugar, dalgunha forma pensamos a organización desde o país e, en terceiro lugar, por todo isto sabemos que é importante que Podemos Galicia constrúa unha organización cun horizonte de país e, sobre todo, que creo que sabemos que é tan importante gañar eleccións como transformar as institucións.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 318 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios