Unha militante do PSdeG denuncia por acoso laboral o alcalde socialista de Barbadás a través da canle interna

Xosé Carlos Valcárcel. (Foto: Nós Diario)

O rexedor Xosé Carlos Valcárcel, que nega os feitos e afirma que actuou con dilixencia nun caso previo de acoso sexual que acabou coa dimisión dun concelleiro, é un dos asinantes do comunicado que a pasada sexta feira reclamaba unha reacción inmediata fronte ás denuncias de presunto acoso sexual contra o ex presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Unha militante socialista do Concello de Barbadás (comarca de Ourense) presentou unha denuncia por presunto acoso laboral contra o alcalde da localidade, Xosé Carlos Valcárcel Doval, a través da canle interna habilitada polo PSOE para comunicar condutas machistas e abusos no seo do partido. O caso engádese a unha serie de denuncias coñecidas nos últimos días que afectan a cargos socialistas en Galiza e no Estado español.

Segundo trasladou La Voz de Galicia, os feitos terían a súa orixe na relación previa da denunciante cun concelleiro do Goberno municipal, tamén do PSdeG, ao que denunciou hai meses por un presunto acoso sexual. Aquel edil acabou dimitindo no verán de 2024 alegando motivos persoais. Porén, a militante considera que, a partir dese momento, iniciouse unha situación de acoso laboral, desta volta atribuída ao alcalde.

Valcárcel recoñece ter coñecemento da existencia da denuncia, mais asegura descoñecer o seu contido concreto e nega de maneira rotunda calquera comportamento de acoso. O rexedor sostén que, cando tivo constancia da primeira queixa contra o concelleiro de Deportes, deu credibilidade á denunciante, reuniuse con ela e forzou a dimisión "practicamente inmediata" do edil implicado.

O alcalde explica que non volveu contactar coa militante durante o tempo en que esta estivo de baixa médica, ao considerar que podía interpretarse como unha presión para a súa reincorporación, e afirma que, tras o seu regreso ao traballo, non se produciron incidencias.

Manifesto de Alcaldías socialistas

O caso adquire unha dimensión engadida polo feito de que Valcárcel é un dos asinantes dun manifesto promovido por cargos orgánicos do PSdeG en Ourense no que se reclama contundencia á dirección do partido fronte ás denuncias por abusos e acoso, nomeadamente no contexto do caso que afectou ao ex presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Segundo fontes próximas, foi precisamente tras coñecer esa sinatura cando a militante decidiu activar a canle interna, ao considerar que no seu caso non se actuara coa dilixencia necesaria.

A dirección socialista deberá agora analizar a denuncia no marco dos seus protocolos internos, nun contexto de crecente presión social e política para garantir a protección das vítimas e unha resposta clara fronte ás violencias machistas tamén nas organizacións políticas.