Paula Prado di que a Xunta actuou de inmediato no 'caso Vilares' malia ocultar catro meses a denuncia por violación
"En primeiro lugar, e para que quede fóra de toda dúbida, o noso apoio a todas as vítimas que sofren acoso, estean onde estean", iniciou esta terza feira José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, a súa intervención no Parlamento galego no Debate dos Orzamentos da Xunta da Galiza para 2026, ao fío das acusacións de abuso sexual que afectan o ex presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé.
"O acoso non ten carné de partido, de ningún partido. Denuncialo e combatelo si, o do PSdeG, o único que o fixo. Nós deixamos fóra do foco a vítima, algo no que o PP debería estar calado. Nós sempre preservamos o anonimato das vítimas", dixo Besteiro, mirando para a bancada do PP. "Debemos insistir a denunciar os feitos, ben a través do mecanismo legal ou ben a través dese mecanismo que só ten o PSdeG, a canle interna", engadiu.
Besteiro tomou a palabra despois de que a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, no inicio da súa intervención, cargara duramente contra a xestión que o partido socialista fixo do 'caso Tomé'.
Nunha intervención na que buscou contrapor a actuación do Goberno galego coa xestión interna do PSdeG ante este tipo de denuncias, a secretaria xeral do PP asegurou que a Xunta da Galiza actuou "con dilixencia e de maneira inmediata" no coñecido como 'caso Vilares', a pesar de que a denuncia por unha presunta violación contra o ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, foi ocultada durante catro meses e sendo este despedido do Executivo galego entre louvanzas e apertas dos seus compañeiros de filas.
Prado criticou o PSdeG, pero tamén o BNG, ao que sinalou como "cómplice" de Tomé seguira na Deputación de Lugo, e á CIG. "Por que en vez de manifestarse este domingo contra Altri non se manifestan diante das sedes do PSdeG?", preguntou Prado, que tamén tivo críticas para o Goberno de Pedro Sánchez, ao que se referiu como o "Goberno dos prostíbulos, dos violadores en liberdade".
"Non admitimos leccións de feminismo por parte do PP", sentenciou pola súa parte a deputada do BNG Noa Presas, que insistiu en que a formación nacionalista "sempre estivo de parte das vítimas".