Miguel Santalices evita falar da súa continuidade no Parlamento galego
O presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices Vieira (Bande, Baixa Limia, 1955), evitou aclarar se finalizará a lexislatura como presidente da Cámara, nunha entrevista en Europa Press, aínda que xa dixera no seu momento que esta sería a última lexislatura. Con tarefas "por facer" e ás portas do primeiro Debate do estado da nación do Goberno de Alfonso Rueda, asegura que "as cousas hai que ir véndoas".
Reflexionando sobre o tema deixa unha dobre mensaxe na que transcende que polo momento se sente "moi cómodo" no seu cargo. Sobre se se ve un presidente neutral no día a día dos debates que teñen lugar na Cámara, Santalices respondeu que tenta ser "xusto", aínda que ás veces "se equivoque".
Non é alleo ás críticas de socialistas e nacionalistas respecto diso, e mesmo recoñece que tivo algún 'rozamento' con dirixentes do seu propio partido nos últimos anos, como coa secretaria xeral do PP galego e tamén deputada, Paula Prado, mais relativiza a súa importancia e redúceo a algo que forma parte "do meu oficio, sen máis".
Fiel á "ourensanía"
Ademais de declararse"autonomista", afirmou que é "galeguista" e fiel á "ourensanía". Sobre as súas ideas políticas aclarou que tamén segue sentíndose "baltarista". Así sente polo seu "amplo sentido da lealdade" -da man de José Luis Baltar iniciou a súa carreira política, que seguiu con Manuel Baltar-, mais tamén, explicou, porque máis aló duns "nomes" ou "persoas", identifica "o baltarismo como unha forma de facer política desde a proximidade".
A medio camiño entre a valoración e a crítica, Miguel Santalices, durante a entrevista, asegurou botar en falta nos partidos políticos actuais, incluído o seu, "meterse entre a xente, aínda que haxa problemas".
