Mercedes Rosón afirma que "xamais, xamais, xamais" apoiaría unha moción de censura do PP

Faino despois de que os populares a propuxeran como alcaldesa de Santiago

Mercedes Rosón, edil non adscrita do Concello de Santiago. (Foto: Nós Diario)
Mercedes Rosón, edil non adscrita do Concello de Santiago. (Foto: Nós Diario)

A edil non adscrita de Santiago, Mercedes Rosón, descartou a posibilidade de gobernar co PP no Concello da capital galega após de que esta mesma cuarta feira o portavoz local do PP, Borja Verea, se abrise a negociar unha moción de censura cos catro concelleiros non adscritos expulsados do PSdeG, co obxectivo de promover “un goberno de emerxencia” e arrebatar o bastón de mando á nacionalista Gorretti Sanmartín. Esta proposta incluía a opción de que a alcaldesa de Santiago fose, de aprobarse a moción de censura, Mercedes Rosón.

Nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social de ‘X’, a ex socialista respondeu a proposta do PP, afirmando que “xamais, xamais, xamais. A ver se desta queda claro”. Alías, en declaracións difundidas aos medios, o portavoz dos edís non adscritos, Gonzalo Muíños,  subliñou que non haberá “moción de censura”. Mais afirma que “quero que Mercedes Rosón sexa alcaldesa? Si. Que creo que ao noso concello lle iría moito mellor se así fose? Tamén.”, insistindo que a xente que os votou “non o fixo para pactar un goberno co PP”.

Porén, na xornada de onte os non adscritos aseguraban nun comunicado que “só apoiarían unha moción de censura na que Mercedes Rosón fose candidata”. Na nota, ademais, reiteraba a súa negativa de facer rexedor a un candidato do PP. Palabras que foron recollidas polo presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, e o portavoz local do PP, Borja Verea. Verea sinalaba que “si para os non adscritos a condición é a cadeira de mando, para min é máis fundamental rescatar a cidade deste caos e parálise do BNG e CA. Para min non hai liñas vermellas”.

Comentarios