Mercadona contribuíu ás contas de Bárcenas

Entre a listaxe de doantes que recolle a documentación publicada por El País salienta o nome de empresarios da construción imputados en casos de corrupción.

Máis de 7 millóns de euros durante 15 anos compoñen as doazóns compiladas polo ex-tesoureiro do Partido Popular, Luís Bárcenas. De 1990 a 1992 e de 1997 a 2008 --segundo informa o diario español El País.

Entre os nomes dos principais doantes que entregaron importantes cantidades de diñeiro ao tamén ex-senador e que, todo apunta, posteriormente foron repartidas entre a cúpula do Partido --incluído o actual presidente do Goberno- salientan persoas actualmente imputadas por corrupción. Porén, boa parte das persoas sinaladas por Bárcenas no seu 'albarán' negaron ao medio de comunicación que esta quinta feira lanzaba a exclusiva teren participado en operacións de financiamento de partidos políticos e mesmo aseguran que emprenderán accións legais "na defensa dos seus intereses", di El País.

Juan Roig, presidente de Mercadona que pedía @s traballador@s "traballar máis" porque se pasaran "trinta pobos" tería pagado até 240.000 euros

Neste senso, nomes como Luis del Rivero (ex presidente da construtora Sacyr) ou Juan Miguel Villar Mir (presidente da transnacional OHL) terían entregado inxentes cantidades de diñeiro ao ex-tesoureiro. As cifras varían dunhas doazóns a outras, desde "o mínimo de 48.000 euros do ano 2005) --asegura El País-- até "os máis de 1,5 millóns de 2003 e 2004".

Tamén así, a documentación publicada recolle a persoeiros actualmente imputados en casos de corrupción como Pablo Crespo --investigado polo caso Gurtel que tamén salfire as filas do Partido Popular.

O grupo Mercadona entre os principais doantes
Malia que fontes da distribuidora alimentaria negaron a súa participación nas contas de Bárcenas, os documentos do ex-tesoureiro popular apuntan cara á un ingreso de 90.000 euros en 2004 e outro de 150.000 en 2008 --segundo publica El País. As doazóns realizadas por Mercadona, xunto con outras empresas españolas de ámbito internacional, remataron en forma de sobresoldos entregados á cúpula do Partido Popular.

A información feita pública esta quinta feira polo diario español contrasta coas declaracións do presidente de Mercadona, Juan Roig en xuño de 2012, quen animaba á poboación a se pór "as pilas" se non querían que a economía española fose intervida. Aliás, Roig aseguraba que era preciso "traballar máis".

"Pasámonos como país trinta pobos", dicía o presidente da cadea de supermercados valenciá "incluídos os sindicatos, os empresarios, os bancos, os políticos, todo o país", insistía Roig. 

Jiménez Losantos e Libertad Digital entre os receptores de diñeiro

Mais non só se reflicten as entradas de capital na caixa de Bárcenas. O diario El País recolle as cantidades que o ex tesoureiro popular tería entregado en concepto de "axudas" a distintos medios de comunicación e organizacións vencelladas ao PP. Neste senso salientan os máis de 36.000 euros recibidos polo xornalista Federico Jiménez Losantos en 2004 e ao portal de información dixital Libertad Digital. Organizacións como Basta Ya e mesmo a viúva dunha vítima de ETA tamén terían cobrado diñeiro procedente das doazóns inventariadas por Luís Bárcenas. 

Comentarios