sábado 25/09/21

Mato confirma a exclusión de lesbianas e separadas da reprodución asistida: "A falta de varón non é un problema médico"

A ministra española de Sanidade xustifica desta maneira que o Goberno de Mariano Rajoy deixe fóra da sanidade pública as mulleres que decidan ser nais e non representen o modelo familiar católico

"A sanidade pública debe ser para a curación" asegurou Ana Mato após a xuntanza con representantes das administracións autonómicas.

Para a ministra de Sanidade "a falta de varón non é un problema médico" polo que as mulleres separadas, lesbianas ou calquera outra que non acredite manter unha relación persoal cun "varón" ficará excluída dos tratamentos de reprodución asistida que financia a sanidade pública. 

Ana Mato aclarou que só as "familias integradas por muller e home" poderán recibir un tratamento de reprodución asistida na sanidade pública

Con estas declaracións Ana Mato confirma o que xa era unha sospeita ao abeiro da norma que prevé aprobar o executivo español. Mais por se ficaba algunha dúbida, a ministra aclarou que os tratamentos só serán financiados para "parellas integradas por muller e home".

Desta maneira, o goberno do partido Popular deixa claro que só apoiarán a maternidade de acordo cos parámetros familiares defendidos pola igrexa católica. Iso si, "sen valorar nin as prácticas nin as tendenzas sexuais", acrecentou Mato. 

Os gobernos de Andalucía, Euskadi, Canarias e Asturies criticaron con dureza as afirmacións da ministra e aseguraron que manterán os tratamentos de reprodución asistida en todos os casos e rexeitaron unha norma que tildan de "discriminatoria". 

O Goberno galego, non se pronunciou ao respecto. 

comentarios