23-X

Marta Lois fecha a campaña pedindo o voto "decisivo" da Galiza para Sumar

O "Goberno progresista depende dos dous deputados galegos", asegurou a candidata ao Congreso pola Coruña.
Feche de campaña de Sumar en Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Feche de campaña de Sumar en Santiago. (Foto: Nós Diario)

A compostelá sala Capitol tinguiuse na tarde desta sexta feira do 'estilo Yolanda' e, coa cor fucsia oficial, serviu de escenario para lanzar unha última mensaxe antes de dar paso á xornada de reflexión. A candidata ao Congreso pola Coruña, Marta Lois, debuxou un escenario no que o territorio de orixe da vicepresidenta segunda do Goberno español será, augurou, chave para unha coalición progresista. "Teño unha última mensaxe que darvos, tedes que saber que o goberno progresista depende da Galiza, depende de Sumar na Galiza, dos deputados da Coruña e Pontevedra", avisou na súa intervención ante simpatizantes da candidatura que lidera Yolanda Díaz, no marco da festa final de campaña na capital galega.

Por iso, advertiu que o vindeiro domingo teñen que "ir todos os galegos a votar", porque o "Goberno progresista depende dos dous deputados galegos". Neste sentido, Marta Lois quixo desmentir as afirmacións que dan por feito que vai gobernar "a dereita". "É unha mentira, non vai gobernar a dereita. Iso que di Feixoo é unha mentira", salientou, para proclamar que "vai gobernar Yolanda Díaz e Sumar".

Entre aclamacións de "galega, presidenta", Marta Lois proclamou que Sumar "é o voto útil". "Non podemos votar intermediarios, temos que ser voto decisivo, está a xogarse o goberno progresista do Estado", sentenciou.

A campaña de Sumar Galicia estivo, precisamente, moi centrada nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde a opción política que sitúa a Díaz como candidata á Presidencia fixo forza coas mensaxes e xógase manter os deputados confluentes que se conseguiron nas estatais de 2019 nas provincias atlánticas.

Non en balde, a propia vicepresidenta segunda do Goberno español non deixou de lado a súa terra nesta carreira cara ás urnas e optou por abrir o primeiro mitin e a simbólica pegada de carteis na Coruña, así como desprazouse no ecuador de campaña á cidade olívica para apelar ao Vigo máis obreiro, mulleres e pensionistas.

Co lema 'É por ti', e xunto á número dous por Pontevedra, Vera Hermida, e a 'un' ao Senado pola Coruña, Marilar Aleixandre, o tándem de Marta Lois e Verónica Martínez Barbero, ex directora xeral de Traballo, sitouse como referente de Sumar Galiza e aspiran agora a ser "decisivas" co seu escano para lograr reeditar o Goberno de coalición co PSOE.

Comentarios