Entrevista

María Xosé Caride, ex conselleira: "A promoción de vivenda e a protección fronte á especulación na costa foron decisións nosas"

Profesora na Universidade, María Xosé Caride (Vigo, 1966) foi unha das cinco mulleres que formaron parte do goberno galego presidido por Emilio Pérez Touriño (2005-2009), e lembra para Nós Diario aquel tempo político desde o despacho no que segue á fronte do urbanismo de Vigo e acaba de culminar a aprobación do Plano de Ordenamento, "hai dúas décadas adiantámonos con moitas decisións ao problema actual de vivenda, con decisións que foron conxeladas por completo por Núñez Feixoo", sinala. Antonte fixo 20 anos da súa toma de posesión como conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

A ex conselleira socialista María Xosé Caride é actualmente edil de Urbanismo en Vigo. (Foto: Xan Carballa)
A ex conselleira socialista María Xosé Caride é actualmente edil de Urbanismo en Vigo. (Foto: Xan Carballa)

Vostede é das poucas persoas que formaron parte do Goberno galego de 2005 a 2009 que seguen activas en política. Tanto queimou aquel proceso?
Houbo outras que seguiron durante un tempo, lembro Ricardo Varela de senador, pero é verdade que moitas se afastaron. Durante un tempo volvín á Universidade até que Abel Caballero dixo que quería contar comigo. Pero non creo que houbese unha razón especial na intensidade daqueles anos. Había quen participou no goberno desde o seu coñecemento profesional e despois volveron á súa profesión, porque é certo que era un goberno fundamentalmente de profesionais comprometidos e despois están os ciclos dos partidos políticos nos que mudan liderados.

—Hoxe ocúpase do urbanismo no Concello de Vigo, e daquela a súa era a área de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, que destacaría dos cambios que quixeron producir naquel momento?
Foi un período curto pero moi intenso. Viñamos dun goberno de moitos anos da dereita, que parecía que ese status quo non era movíbel. Quixemos que os cidadáns e as cidadás, das cidades ou do rural, en materia de infraestruturas tivesen unha alternativa que permitira chegar a un centro de saúde ou escolar nun tempo asequíbel e melloramos as infraestruturas de forma radical co compromiso de fosen sen peaxe. Así revertemos decisións previas como  na autoestrada Dozón-Ourense que ía ser de pagamento ou nas liberacións de Rande e A Barcala. E tamén puxemos límites ás vías de alta capacidade, que estiveran de moda, e as que eran perigosas desdobrámolas.

Fixemos plans sectoriais para todas as cidades e tiñamos un programa de investimento para mellorar as condicións especificamente das áreas metropolitanas. Adicionalmente subvencionamos o ferrocarril porque tiñamos un programa de convenio con Renfe para mellorar a mobilidade e as frecuencias no corredor atlántico. E tamén foi nosa a iniciativa pioneira dos buses gratuítos para a mocidade que saía pola noite para que puideran voltar á casa con seguridade, e se estabeleceu un programa como Noite Bus. Tamén é dese período o proxecto para aproveitar as liñas do transporte escolar e que puidera tamén viaxar xente en áreas mal conectadas.

—E na ordenación do territorio, porque dese tempo é a moratoria para construír a 500 metros da costa?
O gran reto foi partir da base de que o urbanismo non podía ser para os amigos, como desgraciadamente era até ese momento, senón que tiña que facerse de tal forma que, primeiro, tratara todos os concellos por igual, financiando para que puideran actualizar o os seus plans  e  despois apoiar e axudar nos que precisaban para poder botar a andar eses proxectos. Tratábase de canear os modelos especulativos que existían fundamentalmente antes da crise de 2008 que intuímos que se achegaba.

"O gran reto foi partir da base de que o urbanismo non podía ser para os amigos"

En relación aos concellos costeiros, onde era moi forte a presión especulativa fundamentalmente buscando vivendas de segunda residencia, aprobouse unha lei que obrigaba os concellos grandes e pequenos a facer reserva de solo para vivenda en réxime de protección e tomamos e defendemos intensamente  a decisión de paralizar os novos desenvolvementos urbanísticos na faixa dos 500 metros da liña costeira. Foi unha decisión valente que se acompañou co aumento  substancial das axudas a rehabilitación de vivenda, que pasaron de ser anecdóticas e de 8.000 euros por vivenda a 24.000. E traballábamos nun plan sectorial de vivenda  que foi interrompido coa chegada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta que decidiu que a vivenda non era un problema. Así é que levamos na Galiza 15 anos sen que exista política de vivenda porque ese señor decidiu que a vivenda non era unha competencia autonómica a pesar de tela en  exclusiva no  Estatuto de Autonomía.

—Naquel goberno de coalición había mesmo unha consellería de vivenda específica.
Aquel goberno anticipou cuestións fundamentais para garantir o dereito constitucional a unha vivenda digna e estabelecer e dar recursos e por iso tamén se fixo creando unha Consellaría específica de vivenda. A determinación por parte do presidente Emilio Pérez Touriño era decisiva. Permítome traelo á miña cidade. Temos máis de 7.000 demandantes esperando unha vivenda en réxime de protección. Que fixo a Xunta da Galiza ao longo destes 15 anos? Unha moi cativa promoción de 44 vivendas. Agora está intentando desenvolver a ampliación de Navia, 1.500 vivendas. Que tiña previsto o goberno de Emilio Pérez Touriño para Vigo? 9.000 vivendas protexidas.  Que pasou durante estes 15 anos? Pois que un señor que aspira ser presidente de España non pensou nos cidadáns e cidadás que non poden acceder á vivenda. Dicía que ía facer máis con menos, e non fixo nada, máis alá de endebedar Galiza moito máis do que estaba en 2009, cando chegou á Xunta. O goberno de Pérez Touriño si que cría que o centro das decisións políticas tiñan que ser as familias, non outros intereses.

"A presión especulativa era moi forte"

—E desea medidas máis de calado e grande horizonte como a faixa de protección de 500 metros que pasou na hora que chegou o PP?
Había decisións que tomábamos e criticaban duramente, pero despois continuaron sen tocalas. Nese caso continuaron pero dun xeito diferente. Cando nós facilitabamos, mesmo con expropiacións, terreos para instalación de piscifactorías ou outros emprendementos industriais, facíase en réxime concesional, de maneira que finalizada unha actividade desa caste voltaba o terreo á propiedade pública e non revertía para usos especulativos. Nesa mesma dirección  por exemplo o goberno de Touriño entendía que as unificacións parcelarias non podían significar procesos de urbanización para solo residencial pero desafortunadamente o Partido Popular decidiu que estaba encantado en que se fixeran concentracións para parcelar e facer vivendas unifamiliares en zonas costeiras. Obviamente iso é un comportamento ben distinto ao que nós contemplábamos con aquelas faixas de protección.

—A idea da creación de áreas metropolitanas é tamén dese tempo.
Aprobáronse inicialmente pero non chegamos á aprobación definitiva que logo, tras unha modificación, fixou o PP. Desafortunadamente, pasados 15 anos, en Vigo non temos aínda unha área metropolitana que funcione e a lei de áreas metropolitanas parece que se fixo para que non tiveran capacidade de decisión, cando son imprescindíbeis para resolver algúns problemas tanto de mobilidade como de prestación de servizos e de atención ás necesidades dos cidadáns.

—Cale a súa visión dos roces internos que tiña a coalición?
Se boto a  vista atrás creo que foi un goberno moi equilibrado, que tiña tantas ganas de facer cousas e había tantas cousas que facer todos, que ás veces había que conciliar prioridades e iso producía tensións. Co paso do tempo, entendo que había os roces normais que existen en calquera goberno, non por ser gobernos de dous partidos distintos. Ao achegarse ás eleccións, esas diferenzas incrementáronse un pouco, porque creo que aí tamén nos faltaba un pouco de cultura de goberno de coalición. Pero eu tiña moi boa relación cos conselleiros que non eran do meu partido, poño por caso Alfredo Suárez Canal, unha persoa co que, sendo ademais da á forte do BNG, mantiven unha relación persoal e política perfecta e sempre era doado chegar a un acordo, ou con Teresa Táboas, ou en Benestar Social onde se fixeron moitísimas cousas para recoñecer os dereitos dos cidadáns e das cidadás para pór en marcha e desenvolver a lei de Dependencia. Síntome tan partícipe das súas decisións como as que se tomaron en Educación ou Sanidade por colocar un exemplo.

Foi o noso un goberno ao que aos cidadáns reclamaban resultados inmediatos, e a Xunta era vista como unha solución. Despois, Feixoo degradouna e desdebuxouna para botar culpa a outros das responsabilidades que non asumía. Todo un mecanismo perverso de gobernar.

Comentarios