Marea de Vigo pide no Concello que a Praza do Rei recupere o nome Campo de Granada

A actual Praza do Rei de Vigo edificio do concello á dereita.
O partido vén de rexistrar unha solicitude á atención do alcalde vigués ao abeiro das investigación abertas pola Fiscalía contra Juan Carlos I.

Marea de Vigo rexistrou esta quinta feira unha solicitude no Concello de Vigo para que se proceda á retirada da denominación Praza do Rei ao espazo ocupado precisamente pola casa consistorial. Reclaman que a praza recupere o seu topónimo anterior: Campo de Granada.

O portavoz da Marea de Vigo, Rubén Pérez, e mais a concelleira Oriana Méndez, asinan esta petición á atención do alcalde vigués, Abel Caballero, na que motivan a súa demanda pola inminente apertura dunha investigación a Juan Carlos I por parte da Fiscalía do Tribunal Supremo "polas supostas comisións ilegais cobradas a partir da adxudicación a empresas españolas das obras do chamado AVE á Meca".

Así mesmo, na súa solicitude instan a Caballero a sacar da recepción do Concello o busto en pedra do rei honorífico e inciden no feito de que Juan Carlos I está a ser "investigado por múltiples delitos de corrupción".

Xa no pasado mes de marzo, o BNG reclamara a retirada do busto do monarca da familia dos Borbóns ao coñecer as presuntas irregularidades relacionadas con cobros millonarios de Arabia Saudita. "O comportamento do monarca emérito merece do reproche e da censura social", argumentou no momento o concelleiro nacionalista Xabier P. Igrexas.