Defenderon o sector lácteo nun acto na Estrada

En Marea propón lexislar para “asegurar un prezo xusto aos gandeiros”

Visita dos candidatos de En Marea, o vicevoceiro de AGE no Parlamento Galego, Antón Sánchez, e a portavoz do  Movemento Veciñal Estradense (MOVETE), Mar Blanco, achégaronse esta mañá até a explotación gandeira Granxa Xestoso, na Estrada, para ver de preto a crise que atravesa o sector lácteo galego e reivindicar o pago de prezos xustos polo litro de leite.

unnamed
photo_camera Alexandra Fernández, Antón Sánchez e Antón Gómez-Reino na granxa de Xestoso na Estrada

Os membros da coligazón eleitoral laiáronse do mal estado do sector que sofre uns pagamentos por debaixo dos custes de produción, que rondan os 30 céntimos por litro. Alexandra Fernández aludiu á falla de vontade política do Partido Popular para voltear a situación: “Temos un PP que está deixando ao rural perderse, di que non se pode lexislar e non é así, Francia o está a facer e está a defender aos seus gandeiros. A diferenza está na vontade política.”

Antón Sánchez: “Galiza perdeu 1 de cada 3 empregos no sector primario, 25.000 de 71.000”

Na mesma liña, o vice voceiro de AGE, Antón Sánchez arremeteu contra o labor do actual presidente da Xunta de Galiza, no seu cargo: “Feijóo destruiu o triple de emprego no sector primario dende que chegou comparado co resto do Estado”. As cifras que argüiu Antón Sánchez son exemplificadoras da crise do sector: “Galiza perdeu 1 de cada 3 empregos no sector primario, 25.000 de 71.000”. Ademais aludiu a que o 70% das granxas fechadas no estado español son galegas, mais afirmou que a situación non é irreversíbel: “Si é posíbel facer leis que defendan aos gandeiros, é posíbel reverter a situación facendo política para os gandeiros”.

Antón Gómez-Reino: "Ten que darse unha garantía clara de que non se vai pagar por debaixo de gastos de produción.”

Pola súa Banda, Antón Gómez-Reino lamentou a “situación dramática” e chamou á reflexión colectiva sobre a importancia da gandeiría para a economía galega, mais tamén para “soster o país a nivel económico, demográfico, de lingua e de ordenación do territorio”. En canto aos plantexamentos para revertir o mal estado no que se atopa a gandeiría galega, Gómez-Reino afirmou que: “A proposta ten que ser cubrir demandas dos gandeiros en primeiro lugar, e no tocante aos prezos ten darse unha garantía clara de que non se vai pagar por debaixo de gastos de produción.”

Comentarios