En Marea espera concorrer ás eleccións xerais na plataforma de Errejón

O deputado Pancho Casal confirmou esta quinta feira os contactos de En Marea con Más Madrid, o partido de Íñigo Errejón, que está promovendo unha plataforma (Más País) en distintas circunscricións do Estado para concorrer ás eleccións xerais de novembro. Na Galiza, Más País presentarase, no mínimo, polas circunscricións da Coruña e Pontevedra.
villares casal
photo_camera Luís Villares e Pancho Casal, no Parlamento.

Portas abertas en En Marea á integración da formación que lidera Luís Villares no proxecto Íñigo Errejón. Pancho Casal referiuse a plataforma na mañá desta quinta feira como "plataforma multinacional" na que incluíu Compromis. En Marea di que mantén "un contacto moi fluído" con vistas a "repetir a alianza coa que galegos e valencianos acudiron ás eleccións europeas do pasado mes de maio".

Casal seguiu insistindo, como fixera Villares a segunda feira, en que a "prioridade" da organización é chegar a un acordo coas forzas galegas baixo "unha plataforma de partidos que teñen a súa soberanía na Galiza".

Postura de Cerna

Nun comunicado, Cerna, unha das faccións de En Marea, asegura que "máis ca nunca debemos cooperar as forzas soberanistas progresistas e facelo desde a autoorganización, a transversalidade e o acompañamento da esquerda social, desde abaixo: precisamos unha ampla e xenerosa cooperación que sexa respectuosa coa autoorganización congruente cos dereitos que asisten a Galiza como nación".

Cerna resume a súa postura "nunha papeleta que garanta a representación directa deste suxeito político galego plural nas Cortes españolas”, mais non precisa se rexeita a alianza con Errejón ou non.

A Coruña e Pontevedra

Segundo o acordo asinado entre Más País e Equo, e publicado por axencias, a fotrmación que lidera Errejón presentarse en 17 provincias do estado español, entre as que figuran Pontevedra e A Coruña.

Comentarios