O BNG pide que compareza Feijóo

En Marea e o BNG esixen a destitución dos cargos do Sergas imputados por homicidio

Tanto En Marea como o BNG consideran que a gravidade dos feitos polos que se imputan os cargos do Sergas pola súa xestión nos tratamentos da hepatite C esixe a destitución inmediata dos afectados.

Ana Pontón e Luís Villares
photo_camera Ana Pontón e Luís Villares

En Marea e o BNG non tardaron en reaxir á decisión da Audiencia Provincial da Coruña de chamar a declarar como investigados (antes imputados) dous altos cargos do Sergas por un suposto delito de homicidio en seis dos oito casos que abarca a causa. Ambas as formacións esixen a destitución inmediata dos investigados.

En Marea, a través do seu portavoz parlamentar, Luís Villares, sinala que a destitución dos cargos imputados debe ser “inmediata”, dada a “grande alarma social” que pode xerar que dúas persoas que estean a cargo da Consellaría de Sanidade estean investigadas en relación a uns delitos de tanta gravidade”.

Villares tamén reclamou a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, en sede parlamentar para que explique “cal é a situación” arredor destas persoas que “non só están investigadas por prevaricación, senón tamén por homicidio imprudente”.

O BNG reclama a comparecencia de Feijóo

O BNG tamén reclamou a asunción de responsabilidades políticas coa destitución dos cargos do Sergas imputados. Aliás, a portavoz parlamentar do BNG en materia de Sanidade, Montse Prado, considera que ten que comparecer no Parlamento non só o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, senón tamén o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Prado advirte de que “morreron persoas con nomes e apelidos como consecuencia da súa política criminal [en referencia ao PP]”. Neste sentido, lamentou que o PP fixera “oídos xordos” á situación e criticou a “prepotencia e chulería” de Feijóo.

Comentarios