28-M

Marea Atlántica enxalza os 'concellos do cambio' nun acto con Noriega e Ferreiro

O anuncio de que asistiría Jorge Suárez —finalmente non por unha "cuestión persoal"— suscitou certo malestar nas filas de Esquerda Unida, onde milita, pois na Coruña a formación concorre nunha lista rival da Marea, Por Coruña, se ben na súa cidade fica baixo o paraugas de Ferrol en Común.
Acto convocado esta terza feira pola Marea Atlántica da Coruña. (Foto: Marea)
photo_camera Acto convocado esta terza feira pola Marea Atlántica da Coruña. (Foto: Marea)

A Marea Atlántica que encabeza Xan Xove reuniu esta terza feira na praza das Conchiñas da Coruña algunhas das figuras chave das coñecidas como 'cidades do cambio', que en 2015 alcanzaron as alcaldías da cidade herculina, Ferrol e Santiago. Á cita acudiron os ex rexedores compostelán, Martiño Noriega, e coruñés, Xulio Ferreiro; non así o ferrolán —que repite como candidato este 28 de maio—, Jorge Suárez, que tamén estaba citado e que aparecía nos cartaces cos que a formación anunciou o encontro.

Desde a Marea afirmaron que a ausencia de Suárez responde a unha cuestión de "ámbito persoal" que coñeceron nas últimas horas, e que non se puido confirmar até a tarde desta mesma terza feira, pouco antes de principiar o acto (19h). "Mandámoslle un grande abrazo e moito ánimo para as eleccións de maio", dixo Xove, sobre unha persoa que considera, canda Ferreiro e Noriega, "referente".

Durante o evento, Martiño Noriega gabou o labor da Marea no seu mandato: "Foi pioneira dun municipalismo cooperativo, ao servizo da xente, non dos grandes partidos. Por iso foi capaz de ser o escudo e o corazón da Coruña. E por iso volverá ser decisiva tras o 28-M". "Se A Coruña ten banda sonora, Xan Xove coñece esa música: unha música obreira, combativa, libre e de barrio", engadiu.

Xulio Ferreiro: "Demostramos que hai outra forma de gobernar, sen hipotecas e sen debernos a ninguén máis que á veciñanza"

Na súa intervención, o ex alcalde Ferreiro enxalzou que a Marea Atántica logrou demostrar entre 2015 e 2019 que "hai outra forma de gobernar". "E que hai outra forma de facer oposición, servindo á cidade e á cidadanía. Sen hipotecas, sen debernos a ninguén máis que á veciñanza, cumprindo a palabra dada", dixo.

Pola súa parte, un ambicioso Xan Xove presentouse como o candidato que precisa A Coruña fronte ao actual goberno: "O 28-M escollemos o futuro da Coruña. Temos que debater sobre o que precisa a cidade. Isto non vai de fotos con ministros, vai de afrontar o problema da vivenda con alugueiros públicos, e de regular os pisos turísticos. O que non quixo facer Inés Rei".

"Malestar" en Esquerda Unida con Jorge Suárez

Á marxe do acto propio, o convite ao ex alcalde de Ferrol suscitou malestar nas filas de Esquerda Unida, pois, se ben na súa cidade Jorge Suárez lidera unha lista —Ferrol en Común— da que forma parte EU —formación na que el milita— malia concorrer en solitario Podemos-Alianza Verde, na Coruña o seu partido avogou por acompañar Podemos na coalición Por Coruña, que encabeza José Manuel Sande.

Fontes da dirección local de EU recoñeceron, en declaracións á axencia Europa Press, que a presenza de Suárez no cartaz de Marea Atlántica, que non modificou a pesar das comunicacións internas recibidas e que ficou pendurado no mitin sen cambios, causou "malestar" ao entender que era "contraditorio" que el, militante de Esquerda Unida, apoiase unha candidatura allea á organización na que milita. "Por respecto, é contraditorio", manifestaron estas mesmas fontes, que indicaron que se puxeron en contacto coa organización en Ferrol para coñecer a situación e que se lles comunicou que finalmente decaería a presenza de Jorge Suárez, da que se decataron "por redes sociais" na lista de Por Coruña.

Con todo, voces autorizadas de Esquerda Unida, malia que non pertencentes á dirección actual, manifestaron a Europa Press que o problema de "orixe" radica na "falta de acordo" na cidade herculina e que unha candidatura que hai catro anos ostentaba a Alcaldía non foi capaz de alcanzar un acordo agora. Ademais, subliñan que Jorge Suárez "non representa a EU", senón que é "concelleiro dunha candidatura plural", polo que cren que habería que ter "máis cintura" neste caso e non cinguirse á cuestión "orgánica". A maiores, fontes da dirección de Esquerda Unida tamén se limitaron a explicar que sería unha foto algo "estraña", tendo en conta que Jorge Suárez, malia que representa un espectro máis amplo en Ferrol en Común, milita nunha organización política que concorre con outra lista.

Comentarios