Máis de 217.000 vascos votaron nas consultas populares sobre a independencia de Euskal Herria

Consulta popular en Azpeitia sobre a independnecia de EH. Imaxe: Naiz

Esta fin de semana 28.700 persoas participaron nos referendos cidadáns organizados pola plataforma Gure Esku Dago en cinco localidades vascas.

En abril de 2014 a veciñanza da vila navarra de Etxarri-Aranatz participaba nunha consulta popular para responder a unha pregunta sinxela: ‘Quere ser cidadán/cidadá dunha Euskal Herria independente?'. Máis de 42% dos vecinos e veciñas participaron na iniciativa, que deixou un resultado contundente:  94,5% de sis á independencia.

 

Catro anos despois, 17 e 18 de novembro de 2018, un total de 28.709 persoas votaban en cinco consultas populares realizadas noutras tantas localidades vascas: Donostia, Irún, Blamaseda, Zalla e Alonsategi. Organizados pola plataforma Gure Esku Dago, estas consultas queren reivindicar “decidir o futuro de Euskal Herria mediante un referendo”.

 

Ao longo destes catro anos realizáronse por volta de 200 consultas en concellos dos diferentes territorios vascos. En total, e segundo a plataforma, votaron nos referendos perto de 218.000 persoas.  "Gure esku dago é unha dinámica popular que pretende integrar os 3.000.000 de cidadáns que viven neste pobo”, sinalara Alex Zenarruzabeitia, un dos responsábeis desta plataforma, na defensa do “dereito a decidir”.