CARMENA ANUNCIA UNHA INVESTIGACIóN INTERNA

O Concello de Madrid mantén a denuncia contra os titereteiros

A alcaldesa madrileña non descarta o cese da concelleira de Cultura e considera “de rigor excesivo” a decisión xudicial de mandar prisión os dous titereteiros.

manuela carmena La sexta

Un espectáculo de monicreques – dos que na tradición española se coñecen como 'Títeres de cachiporra'- en Madrid acaba cos dous titereteiros presos e sen fianza, acusados de “enaltecemento do terrorismo”, e cunha polémica política e mediática das que só adoitan darse onde hai unha alta concentración, real e simbólica, de poder político e mediático. A raíz da polémica esta segunda feira compareceu a alcaldesa, Manuela Carmena, que anunciou que o Concello vai iniciar unha investigación interna para depurar responsabilidades. “É un erro moi grave e ten que haber responsabilidades”, dixo a rexedora, que se ben amosou o seu apoio a Celia Mayer, concelleira de Cultura, tamén deixou a porta aberta á súa saída: “É importante ver se pode seguir, ou quere seguir”.

“É un erro moi grave e ten que haber responsabilidades”

Carmena anunciou que o Concello mantén a denuncia contra os titereteiros, unha querella por incumprimento de contrato, e cualificou a representación da obra de “inadecuada, inaceptábel, violenta e deleznábel”. Nesta fin de semana, varios concelleiros de Ahora Madrid, a formación do goberno madrileño, asinaron un manifesto pedindo actuacións a prol dos titereteiros detidos. Carmena considera que a decisión de encarcerar os dous titereteiros é “de rigor excesivo” e que “socialmente” non se entende.

Avogados dos titereteiros

A defensa dos dous detidos presentou un recurso perante a Audiencia Nacional pedindo a liberdade dos titereteiros. Sinalan que a obra que representaron é “unha sátira humorística por carnaval”, que debe ser interpretada desde o punto de vista do humor e, xa que logo, sen capacidade de “incitar ao odio, a violencia...”.

A defensa dos dous detidos presentou un recurso perante a Audiencia Nacional pedindo a liberdade dos titereteiros

Os avogados no seu recurso fan un repaso pola historia do teatro e os monicreques, ben como da literatura ou o cimena, para falar da utilización da violencia na arte e da liberdade de expresión. A defensa asegura que de seguir os criterios empregados polo xuíz Moreno (que enviou a prisión sen fianza os 2 artistas), “a maioría dos creadores deste país” serían enxuizados.

Comentarios