Lores apoia o 'Pacto de Pedre' e propón un viario alternativo

"O Concello de Pontevedra asume a proposta inicial que presenta o 'Pacto de Pedre' e que responde á necesidade de mellorar en todo o posíbel a N-541", salientou esta segunda feira Lores, que incidiu en que se trata dunha estrada "cargada de tráfico, industrial tamén, que vai ir a máis, e é a única alternativa que existe para vir do Carballiño até Pontevedra".
Miguel Anxo Fernández Lores en rolda de prensa (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores esta segunda feira en rolda de prensa (Foto: Concello de Pontevedra)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reuniuse esta segunda feira na cidade do Lérez cos distintos representantes do chamado 'Pacto de Pedre', o movemento político que exixe melloras urxentes na estrada N-541, que fai de ligazón entre Pontevedra e Ourense, e no que suman forzas as alcaldesas e os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; Boborás, Patricia Torres; Beariz, Manuel Prado; O Carballiño, Francisco Fumega; O Irixo, Susana Iglesias; Maside, José Manuel Iglesias, e Punxín, Manuel Vázquez Fernández.

O obxectivo do 'Pacto de Pedre', tal e como concluía Cubela ao termo da súa última reunión en setembro, é claro e sinxelo: "Non queremos que a N-541 sexa un cemiterio". É por iso que exixen ao Ministerio de Transportes que adopte medidas urxentes para mellorar a seguridade nunha das vías con maior sinistralidade de todo o Estado español.

"O Concello de Pontevedra asume a proposta inicial que presenta o 'Pacto de Pedre' e que responde á necesidade de mellorar en todo o posíbel a N-541", salientou esta segunda feira Lores, que incidiu en que se trata dunha estrada "cargada de tráfico, industrial tamén, que vai ir a máis, e é a única alternativa que existe para vir do Carballiño até Pontevedra".

Autovía alternativa á N-541

O rexedor instou a Xunta da Galiza e o Goberno estatal a elaboraren un informe que estude a posibilidade de crear "viais alternativos" entre O Carballiño e Pontevedra, tales como a construción dunha autovía que tamén teña unha conexión con Lalín.

A través dunha moción apoiada polo Consistorio pontevedrés e mais os do 'Pacto de Pedre', chaman o Parlamento da Galiza a atenderen as súas demandas e situar no centro do debate político os arranxos pendentes nunha estrada que a pasada Noiteboa  cobrou a vida de sete persoas nun tráxico accidente de autobús cuxas causas están aínda a investigarse.

Apoio da Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo tamén súas as demandas do Pacto de Pedre para reclamar a mellora integral da N-541. López recibiu esta segunda feira as rexedoras e os rexedores dos municipios implicados nesta loita, aos que lles amosou o seu máximo apoio e compromiso para colaborar en conseguir os obxectivos.

Comentarios