A líder do PP en Valdeorras acusa as brigadas forestais de provocar incendios para "ter traballo"
Inma Rodríguez, presidenta do PP no Barco de Valdeorras, publicou unha mensaxe nunha rede social na que exime á Xunta da responsabilidade pola vaga de lumes e sinala directamente aos incendiarios e mesmo ás brigadas forestais.
Inma Rodríguez, presidenta do Partido Popular no Barco de Valdeorras, unha das comarcas máis afectadas pola vaga de incendios deste verán, publicou en Facebook unha mensaxe na que atribúe a responsabilidade dos lumes aos incendiarios, sinalando tamén membros das brigadas forestais.
Na súa publicación, Rodríguez critica que se culpe de maneira sistemática a Xunta de Galiza cando se producen incendios ou outros problemas relacionados coa xestión do territorio. "Cando hai un problema grave a responsabilidade é da Xunta, cando é un problema do Concello tamén é da Xunta. Cando arde é por culpa da Xunta, cando non arde tamén é a súa responsabilidade", escribiu.
A líder popular sostén que "os únicos responsábeis son os incendiarios, e algún das brigadas forestais", lamentando que, ao seu ver, esa perspectiva non se teña en conta nos debates públicos. Ao mesmo tempo, defende que existe unha "dobre moral" entre a cidadanía á hora de valorar as responsabilidades dependendo de "quen sexa válido ou non".
Rodríguez vinculou a vaga de lumes á proximidade das eleccións, cuestionando que a situación se concentre en territorios gobernados polo PP. "Sempre que se aproximan eleccións, catástrofes á vista, pero que casualidade que só ardeu nas comunidades do PP. Casualidade? Pois non o sei. Que pasa, que o cambio climático non afecta Catalunya e Euskadi?", escribiu.
A dirixente popular pediu centrarse en "solucionar o gran problema que temos agora e deixar de tirar balóns fóra", subliñando que "hai xente que queima, e non porque teña unha enfermidade, senón porque o fai só para facer dano". "A xente queda sen casas, sen recordos, sen vida, con medo, e iso é culpa do que incendia, de ninguén máis", engadiu.
Finalmente, Rodríguez cuestionou o sistema de contratación de brigadas forestais e apuntou que "queren ter traballo, pois que busquen outro que non sexa temporal". A súa publicación xerou reaccións críticas en redes sociais, especialmente pola referencia directa ao persoal de extinción, que traballa en condicións de risco e precariedade.