Crónica

A lexislatura na que o pobo derrotou a Xunta obrigándoa a arquivar Altri chega ao ecuador

A XII Lexislatura chega hoxe ao seu ecuador. Dous anos caracterizados pola intensidade da dinámica política galega e que pasarán á historia polo arquivo do proxecto da celulosa de Altri após un longo proceso de mobilización. Unha experiencia, da que o Goberno e a oposición han de sacar conclusións.

Acto de constitución do Parlamento o 20 de marzo 2024. (Foto: Parlamento da Galiza)
Acto de constitución do Parlamento o 20 de marzo 2024. (Foto: Nós Diario)

O 20 de marzo de 2024 comezaba unha nova lexislatura no Parlamento da Galiza coa constitución da Mesa da Cámara. O Partido Popular, que viña de reeditar no mes de febreiro unha nova maioría absoluta con 40 deputados e deputadas e 46,9% dos sufraxios, daba por feito que a nova correlación de forzas permitiríalle sacar adiante sen problema algún as propostas mais significativas do seu programa de Goberno, entre as que destacaba a posta en marcha dunha celulosa en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, por parte do grupo portugués Altri, asociado coa compañía patrimonial de Manuel Pardo, máximo accionista de Greenalia.

O Goberno galego tardou case dous anos desde a constitución da Cámara en arquivar o proxecto de Altri, que se converteu na gran derrota de Alfonso Rueda nesta lexislatura. Porén, o final desta iniciativa, cuxa orixe se remonta a outono de 2020, comezou a escribirse o 26 de maio de 2024 en Palas de Rei, cunha mobilización masiva que desbordou a vila da Ulloa e tivo continuidade nos meses seguintes en diversos puntos da Galiza. Precisamente, esta loita, así como outras que se veñen librando en defensa dos servizos públicos contra os proxectos eólicos ou mineiros ou a favor da lingua, amosaron a desconexión entre o partido do Goberno e a maioría social, mais tamén a súa debilidade.

O novo PP

A presente lexislatura deu para coñecer un PP virado a posicións máis reaccionarias e un presidente da Xunta máis preocupado en facer oposición a Pedro Sánchez que en gobernar o país. Unha boa mostra deste novo PP é a aposta por perfís, estilos e discursos equivalentes aos de Vox -exemplificado no caso da secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, e do voceiro parlamentario, Alberto Pazos- e a marxinación daqueles relatos e nomes máis centrados, como acontece con Pedro Puy ou Miguel Santalices. Na mesma dirección, a renuncia de Rueda a aceptar unha quita que permitiría reducir a débeda galega en máis de 4.000 millóns de euros ou a negativa a propor un modelo de financiamento diferente ao actual evidencian as prioridades políticas do mandatario galego.

O BNG comezou a lexislatura cunha posición reforzada ao incrementar a súa representación parlamentaria en seis escanos e situado como antagonista do PP. O acontecido nestes dous últimos anos serviu para afianzar a formación nacionalistas como alternativa aos populares e fortalecer o seu corpo social polo papel desenvolvido nos diversos procesos de mobilización, nomeadamente na loita contra Altri. Neste sentido, dirixentes da formación consultados por Nós Diario apostan por "seguir dando voz no Parlamento ás demandas dos sectores máis críticos coas políticas populares e mobilizar aquela parte da base social do país crítica co PP que se abstén nos comicios galegos".

Os retos do BNG

A formación nacionalista ten por diante dous anos decisivos para articular unha alternativa ao PP. A credibilidade da mesma dependerá da capacidade para responder no plano social e institucional aos problemas concretos da cidadanía e da súa capacidade para presentarse como unha forza útil nun contexto onde a maioría absoluta dos populares na Cámara galega ofrece pouca marxe de xogo á oposición. Nesta dialéctica, os resultados das eleccións locais e estatais resultarán chave para enfrontar os comicios de 2028. A este respecto, diversos responsábeis do BNG sinalan a este xornal que "é posíbel gañar sectores do PP que as políticas e o estilo de Rueda están apartando da formación"

Os obxectivos do PSdeG

O PSdeG comezou a lexislatura descolocado pola importante baixada electoral, que o situou en mínimos históricos de representación na Cámara galega con nove escanos. Neste punto, unha parte dos dirixentes do partido consultados por Nós Diario destacan que a formación "aínda non atopou o seu espazo", como consecuencia dunha dinámica parlamentaria polarizada entre populares e nacionalistas. Precisamente, para superar esta situación traballa o núcleo de dirección do partido, conformado polo seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro; pola secretaria de organización, Lara Méndez, e polo secretario de acción territorial, Aitor Bouza, os tres con cadeira no Pazo do Hórreo. Os socialistas teñen un camiño complicado por diante, mais os seus dirixentes entenden que están xa nun proceso de recuperación. Neste sentido, destacan a activación da militancia, ligado a movementos como a oposición á guerra no Iran e amósanse confiados en alcanzar un bo resultado nas eleccións locais. 

Camiño dunha nova lexislatura

A chave do éxito en calquera proceso electoral está na capacidade dunha formación en mobilizar o seu corpo social e desmobilizar o do adversario. A dous anos dos comicios galegos, nacionalistas e socialistas han de analizar como activar o pólo social alternativo á dereita, que está conformada neste momento no Parlamento polo PP e Democracia Ourensá, á que se podería sumar Vox na vindeira lexislatura segundo apuntan diversas enquisas. Ese pólo alternativo á dereita é o que menos se mobiliza nas eleccións galegas, polo que han de analiza como mobilizalo de de cara a incrementar a súa participación, na perspectiva de que un Goberno diferente ao da dereita, será a dous ou non será, asumindo a diversidade ideolóxica de cada un dos proxectos e tomando como programa básico aquel que xa foi asumido pola maioría social galega nas mobilizacións contra Altri, en favor da sanidade pública ou a prol dunha nova política lingüística.

Comentarios