A lei para crear mecanismos correctores que faciliten a igualdade real na ciencia supera o primeiro escollo

A bautizada polo BNG, grupo impulsor da iniciativa, como 'Lei Ángeles Alvariño' en honra á pioneira científica nada en Ferrol contou co apoio da totalidade da Cámara para iniciar a súa tramitación.
Pleno da Cámara (Foto: Parlamento galego)
photo_camera Pleno da Cámara (Foto: Parlamento galego)

O texto lexislativo que propón a introdución no marco normativo galego de mecanismos correctores que faciliten a igualdade "real" entre mulleres e homes no ámbito científico e da investigación superou hoxe o seu primeiro escollo ao recibir luz verde do pleno do Parlamento galego para a súa toma en consideración.

A bautizada polo BNG, grupo impulsor da iniciativa, como 'Lei Ángeles Alvariño' en honra á pioneira científica nada en Ferrol contou co apoio da totalidade da Cámara para iniciar a súa tramitación.

O apoio clave foi o do grupo maioritario, o Partido Popular, que facilitou que saíse adiante cos seus votos para "traballar" na elaboración parlamentar en aras de atopar "consensos" entre as formacións.

Así, a proposición lexislativa inicia o seu camiño parlamentar coa intención, segundo expresou na súa intervención a deputada nacionalista Olalla  Rodil, de dotar Galiza de "mecanismos correctores" que garantan a "igualdade real" entre mulleres e homes no ámbito científico, onde as primeiras ven "penalizadas" polo "simple feito de ser muller".

Rodil puxo o foco en que en "pleno século  XXI, as mulleres aínda teñen que elixir" entre a súa carreira profesional e a súa vida persoal, unha "discriminación" que se fai patente no ámbito da investigación, no que as convocatorias "penalizan" as mulleres por gozar de permisos de maternidade.

Uns "agravios" que, como alertou a parlamentaria, "só" están a ser emendados pola xustiza cando mulleres como a científica María de la Fuente recorren aos xulgados para "facer valer" os seus dereitos. Un xulgado madrileño recoñeceu, a través dunha sentenza emitida en xaneiro de 2021, que esta investigadora galega padecera unha "discriminación indirecta por razón de xénero" ao non terse en conta na convocatoria dunha praza no Instituto Carlos III o tempo que permaneceu de baixa por maternidade.

"Non podemos permitir que o poder xudicial substitúa o lexislativo. Son os parlamentos os que deben introducir elementos para recoñecer os dereitos da poboación e que non teñan que ser as  mulleres quen deba pelexar nos xulgados para poder conciliar e traballar", sentenciou Olalla  Rodil durante a defensa da proposición de lei presentada polo seu grupo.

Como mostra da fenda que existe entre homes e mulleres no ámbito científico, a deputada sinalou que as últimas representan o 55% das persoas matriculadas nas carreiras universitarias pero só ocupan "dous de cada dez" cátedras. Unha realidade consecuencia, segundo  Rodil, dos "teitos de cristal" e os "obstáculos" aos que deben facer fronte durante as súas traxectorias profesionais, que "aos poucos van expulsándoas das carreiras científicas".

Por todo iso, o Bloque cre necesario "asumir colectivamente" que é preciso introducir medidas correctoras "para camiñar cara a unha maior  corresponsablidade social" entre mulleres e homes nas tarefas de coidados, un obxectivo que, ao seu xuízo, tamén pasa por "ir suprimindo as barreiras e discriminacións de xénero" que perviven en moitos ámbitos, un deles o científico.

Na súa quenda, a deputada do PP Paula Prado defendeu que algúns dos aspectos defendidos no texto proposto polo BNG "xa está regulado" en Galiza, ben a través de leis propias ou outras de ámbito estatal, aínda que recoñeceu que a existencia das normas "non significa que se cumpran".

Por último, a parlamentaria socialista Noa Díaz tamén puxo o acento en que é preciso "romper" coa discriminación cara ás mulleres desde o plano lexislativo, xa que o obxectivo da igualdade, ao seu xuízo, non debe recaer o ámbito xudicial. "Só lexislando garantiremos a plena igualdade", reivindicou a deputada do PSdeG.

Comentarios