Lara Méndez, secretaria de Organización do PSdeG na nova Executiva de Besteiro

Lara Méndez, Patricia Iglesias e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto Nós Diario)

Méndez farase cargo dunha área chave nunha executiva paritaria da que sae Leiceaga e na que Carmela Silva continúa como presidenta.

Lara Méndez, persoa de máxima confianza do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, será a secretaria de Organización na nova Executiva saída do XV Congreso, que é paritaria, con 21 homes e 21 mulleres. A Executiva que acompañará  Besteiro á fronte do PSdeG recibiu este domingo un 93% dos votos emitidos polos delegados do XV Congreso do PSdeG. En concreto, votaron un total de 319 persoas, das que 22 fixérono en branco e 319 a favor.

Tras se confirmar a nova dirección, na segunda e última xornada do conclavedos socialistas galegos na Cidade da Cultura, Méndez, agradeceu a Gómez Besteiro a "confianza" e puxo o foco no municipalismo, unha cuestión que cualificou de "fundamental", xa que esgrimiu que "o primeiro paso obxectivo son as eleccións municipais".

"O municipalismo é fundamental porque é o que constrúe desde abaixo cara arriba e temos ese horizonte a dous anos vista que son as eleccións municipais onde teremos que envorcar todo o esforzo do partido, pero non para manter o que temos senón para incrementar ese poder municipal, esa base territorial para seguir transformando a sociedade", aseverou Méndez.

Cambios na Executiva

A que foi alcaldesa de Lugo e colaboradora próxima a Besteiro desde hai décadas farase cargo dunha área chave para a paz interna do partido tras unha etapa na que os socialistas fixeron fronte a crises en agrupacións como as de Narón, O Carballiño e Santiago de Compostela.

Ela será a máxima responsábel de Organización, un cargo que ocuparon no pasado persoas como José Manuel Lage Tuñas. Farao nun novo equipo que fai desaparecer a secretaría de Organización Adxunta que ocupaba agora a edil das Pontes Ana Pena, quen acompañaba ao até agora encargado desta área, Luis Lago Lage.

Ademais do recambio de Luis Lago Lage, que deixa a Secretaría de Organización para facerse cargo da de Administración Acción Electoral e Réxime Interior, prodúcense en total 14 cambios, como a saída de Xoaquín Fernández Leiceaga e a entrada de tres representantes de Xuventudes Socialistas, como a alcaldesa máis nova da Galiza, Uxía Oviedo, rexedora de Maceda.

Incorpóranse novas secretarías como as de Innovación, IA e Transformación Dixital; Rexeneración Democrática e Transparencia e Memoria Histórica e Laicidade. Son membros natos os secretarios provinciais, o secretario de Xuventudes socialistas, o delegado do Goberno, o presidente da Fegamp, os presidentes das dúas deputacións gobernadas polo PSdeG e o portavoz parlamentario.

Desta forma, cos cambios introducidos, o novo equipo que acompañará a Besteiro aos mandos do PSdeG aumenta lixeiramente o número dos seus compoñentes e mantén as súas catro secretarías executivas. Ademais, a viguesa Carmela Silva continúa como presidenta do PSdeG.

A figura do portavoz, oficial

Entre as principais novidades, está o feito de que se oficialice a figura do portavoz da executiva, un cargo que mantén Julio Torrado, quen se volve a facer cargo da área de Sanidade, que agora desempeñaba o ex ministro José Miñones –quen sae do equipo–.

Besteiro reforza o secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, quen entra como responsábel de Acción Territorial e Formación nunha executiva na que a vicesecretaria dos socialistas composteláns, Marta Álvarez-Santullano continuará como responsábel de Relacións Institucionais.

Un dos cambios máis destacados prodúcense na área económica, onde os principais asuntos serán capitaneados polo vigués Abel Losada, que se fará cargo da área de Economía e Facenda, tras a saída do economista que foi portavoz parlamentario do PSdeG en varias etapas, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen na última executiva se encargaba dos asuntos relacionados coa Facenda Pública e o Autogoberno. O recambio prodúcese nun momento no que o debate sobre o financiamento autonómico cobrou forza tras os acordos en materia de financiamento alcanzados polo Partido Socialista e ERC.

A área de Educación que até o de agora desempeñaba o lucense Luis Álvarez, pasará agora a ser capitaneada polo profesor e edil en Camariñas Fabián Canosa, quen se ocupará dunha secretaría que tamén se fará cargo dos asuntos relacionados coa Formación Profesional.

Ademais, entre outros, a nova executiva incorpora a secretaria local do PSOE ourensán, Natalia González Beneitez, quen se encargará da secretaría de Política Social, Maiores e Dependencia.

Nova Executiva ao completo

  • Presidencia: Carmela Silva Rego
  • Secretaría Xeral: José Ramón Gómez Besteiro
  • Secretaría de Organización: Lara Méndez López
  • Secretaría de Relacións Institucionais: Marta Álvarez-Santullano
  • Secretaría de Igualdade: Silvia Fraga Santos
  • Secretaría de Política Municipal: Juan Manuel Rodríguez García
  • Secretaría de Administración, Acción Electoral e Réxime Interior: Luis Ángel Lago Lage
  • Secretaría de Economía e Facenda: Abel F. Losada Álvarez
  • Secretaría de Ordenación Territorio e Rexeneración Urbana: Noemí Díaz Vázquez
  • Secretaría de Política Social, Maiores e Dependencia: Natalia González Beneitez
  • Secretaría de Educación e Formación Profesional: Fabián Canosa
  • Secretaría de Acción Territorial e Formación: Aitor Bouza Manso
  • Secretaría de Promoción Económica e Emprego: Nereida María Canosa
  • Secretaría de Medio Ambiente e Emerxencia Climática: Rubén Prol
  • Secretaría de Sanidade e Voceiro: Julio Torrado
  • Secretaría de Transportes e Mobilidade Sustentábel: Patricia Otero
  • Secretaría de Universidades e Ciencia: Julio Abalde Alonso
  • Secretaría de Movementos Sociais: Uxía Oviedo de Dios
  • Secretaría de Agricultura, Gandaría e Desenvolvemento Rural: Roberto Fernández Rico
  • Secretaría de Memoria Democrática e Laicidade: Iván Puentes
  • Secretaría de Cultura e Lingua: Silvia Longueira Castro
  • Secretaría de Estudos e Programas: Ángel Rivas González
  • Secretaría de Deportes e Políticas Saudábeis: Jorge Bustos Atanasio
  • Secretaría Políticas Forestais e Montes: Teresa Fernández Pérez
  • Secretaría de Rexeneración Democrática e Transparencia: Lorena Tenreiro Blanco
  • Secretaría Transición Enerxética e Planificación Industrial: Ángel Mato Gradua
  • Secretaría LGTBI: Aitor Rodríguez Casanova
  • Secretaría do Mar e Recursos Mariños: José Ramón Romero García
  • Secretaría Innovación, IA e Transformación Dixital: Francisco Cardama Santiago
  • Secretaría de Dereito a Vivenda: Iria Sobrino Fagilde
  • Secretaría de Análise e Prospectiva: Bárbara Domínguez González
  • Secretaría de Política Europea: Nicolás González Casares
  • Secretaría de Políticas de Seguridade e Emerxencias: Digna Rivas
  • Secretaría de Turismo: J. Ignacio Gómez Pérez
  • Secretaría de Emprendemento: Patricia Domínguez Barja
  • Secretaría de Función Pública e Xustiza: María Fernández Follea
  • Secretaría de Despoboamento e Reto Demográfico: Ramón Alonso López
  • Secretaría de Comercio e Consumo: Gloria Prada Rodríguez
  • Secretaría de Galiza Exterior: Eladio Santos Martínez
  • Secretarías Executivas: Marta Rouco Seoane, Ana Alvite García, Estefanía Taín Surribas e Celso Fernández López.