Junqueras anuncia un acordo co Goberno español sobre o financiamento que reportará 4.700 millóns de euros máis para Catalunya

"O conxunto do arco mediterráneo estivo moi infrafinanciado e quen paga este prezo son os servizos públicos. Por iso é un bo acordo para nós e para o conxunto das comunidades", engadiu o presidente de ERC.
Pedro Sánchez e Oriol Junqueras, esta quinta feira 8 de xaneiro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Pedro Sánchez e Oriol Junqueras, esta quinta feira 8 de xaneiro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente de ERC, Oriol Junqueras, anunciou esta quinta feira que chegou a un acordo co Goberno español en materia de financiamento para Catalunya que suporá 4.700 millóns de euros máis para a autonomía catalá, cun incremento da súa capacidade orzamentaria dun 12% e o recoñecemento do principio de ordinalidade.

Así o anunciou Junqueras en declaracións aos medios tras a entrevista que mantivo no Palacio da Moncloa co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. Os detalles do pacto, que se centra no financiamento de Catalunya, mais non na capacidade de recadación, daraos esta sexta feira a vicepresidenta e ministra de Facenda, María Jesús Montero.

12% máis de orzamento para a Generalitat

Junqueras congratulouse do pacto no modelo incidindo en que "é un bo acordo no que ninguén perde, todo o mundo gaña", en especial as familias, os servizos públicos, os hospitais, as escolas, o tecido produtivo e especialmente a cidadanía catalá, pois permitirá á Generalitat de Catalunya aumentar un 12% a súa capacidade orzamentaria.

Segundo explicou o líder de ERC, o acordo baséase no principio de ordinalidade, que implica que unha comunidade que achega máis recursos ao sistema non pode quedar, despois da redistribución, por baixo doutra que achegaba menos.

"Se somos os terceiros en achegar, temos que ser os terceiros en recibir", resumiu. "O conxunto do arco mediterráneo estivo moi infrafinanciado e quen paga este prezo son os servizos públicos. Por iso é un bo acordo para nós e para o conxunto das comunidades", engadiu.

Aviso a Junts e ao resto da maioría de investidura

Con todo, o dirixente de ERC manifestouse "respectuoso" coas opinións de todos os partidos políticos, incluído Junts, que xa avisou de que non validará no Congreso un pacto en financiamento que non supoña un concerto económica para Catalunya similar ao de Euskadi e Nafarroa.

"Se este acordo non é aprobado no Congreso quen sairá perdendo son as empresas, os traballadores e as familias de todo o conxunto da sociedade. É imprescindíbel a concorrencia de moitas forzas políticas distintas. É importante que sexa bo para todas elas, que poidan interpretar que poida ser bo para as súas respectivas sociedades. Estamos convencidos que será así. E cada partido será responsábel do que vote e aquilo ao que renuncia ou obriga á súa sociedade a renunciar", apuntou.

Junqueras lembrou que o modelo de financiamento autonómico leva 14 anos caducado e "é moi difícil chegar a este tipo de acordos". "Foron poucos os que asumiron esta responsabilidade. Neste caso, modestamente, fomos nós", remarcou o presidente da formación soberanista catalá.

Financiamento e IRPF antes que orzamentos

Sobre a recadación da totalidade do IRPF por parte de Catalunya, o líder de ERC asegurou que é unha cuestión que segue pendente e que se debe "atopar o modo no que se cumpra o pacto (de investidura polo cal Salvador Illa logrou a investidura como president da Generalitat), xa que os acordos han de ser cumpridos".

Agora, tras o acordo no modelo de financiamento, espera que chegue o de recadación, que ve posíbel porque "hai provincias en España que recadan todos os impostos". "E se elas son capaces, non se me ocorre ningunha razón pola cal Catalunya poida recadar polo menos un deles", apuntou Junqueras en alusión ao imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

Ademais, sinalou que logralo é unha condición para que se abra a negociación sobre o apoio de ERC aos Orzamentos Xerais do Estado. "Nós queremos que haxa presupostos en todas as institucións porque son unha ferramenta útil para servir á sociedade e á cidadanía e temos toda a predisposición para que os haxa. Neste caso deberá ser o PSOE e outras formacións as que demostren o mesmo compromiso e vontade", finalizou Junqueras.

Comentarios