Candidato do PP

José Manuel Rei: "Ferrol precisa estabilidade fronte aos bloques de partidos"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. José Manuel Rei é o candidato do PP á Alcaldía de Ferrol.
José Mnauel Rei, candidato do PP á Alcaldía de Ferrol (Foto: PP).
photo_camera José Manuel Rei, candidato do PP á Alcaldía de Ferrol. (Foto: PP)

Que balance fai desta última lexislatura con Ángel Mato á fronte do Goberno de Ferrol? Como mudou a cidade neste tempo?
Ferrol esperaba un cambio que non se produciu, a pesar de estar nun momento de oportunidades a parálise mantívose catro anos máis. Precisamos un concello que lidere a recuperación e non máis pactos dun minuto para que non goberne a lista máis votada e facendo primar os intereses do partido sobre os veciños. Isto tivo graves consecuencias: o abandono da cidade, a parálise de proxectos de vital importancia para o desenrolo económico e social, o feche do Concello aos veciños e un alcalde que non os escoitou.

Dende o 2019 Ferrol perdeu case 2% da súa poboación. Cada día Ferrol perde dous habitantes. Segundo o INE a 1 de xaneiro deste ano a nosa cidade ten 63.890 habitantes. Non só temos menos veciños, senón que temos a taxa de paro máis alta das sete grandes cidades e a de actividade e de ocupación máis baixas. Nestes catro anos fecharon máis de 400 locais comerciais e elimináronse preto de 500 prazas de estacionamento sen ofrecer alternativa algunha. Este non é o Ferrol que queremos. Por iso, nós traballamos cóbado con cóbado cos ferroláns para presentar un proxecto de cidade que reverta esta situación.

No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Tres son as medidas que levaremos a cabo nos 100 primeiros días: a constitución do goberno municipal, porque xa temos ao equipo de profesionais preparados para traballar dende o minuto un, aquí non haberá problemas no reparto das concellerías. Nós temos experiencia e capacidade de xestión.

Este non é o Ferrol que queremos. Por iso, nós traballamos cóbado con cóbado cos ferroláns para presentar un proxecto de cidade que reverta esta situación

Abrir o concello aos veciños. Nunca se viu que un veciño para entrar teña que pedir permiso a un garda de seguridade ou cita previa. O concello é a casa de todos. Elaboraremos os orzamentos. Ferrol leva oito anos sen comezar o ano cun novo orzamento, coas graves consecuencias que isto ten para poder levar a cabo a xestión municipal, tal e como estamos a ver.

Ademais, elaboraremos un plan de continxencia para reducir a lista de espera no servizo de axuda no fogar, na actualidade hai máis de 600 persoas en lista de espera, e reabriremos os comedores sénior. Desenvolveremos o proxecto de cidade elaborado cos ferroláns, grazas ao maior proxecto de participación cidadá levado a cabo. Faremos unha avaliación e unha auditoría aos 100 días, aos dous anos e ao finalizar o mandato para que os veciños vexan que cumprimos o noso compromiso con Ferrol.

Ferrol é, segundo os últimos datos do Ministerio de Traballo, a cidade galega coa maior taxa de paro. A que cre que se debe e cal debe ser o eixo central das políticas de emprego para lograr reverter esa cifra?
Ferrol debe aproveitar as oportunidades que se lle presentan para reverter esta situación. A falta dunha aposta nos orzamentos xerais do Estado polo dique, infraestrutura para facer máis competitivo ao noso estaleiro e ampliar o mercado e carga de traballo, e de inversións destinadas á modernización da liña ferroviaria Ferrol- A Coruña acentúan esta situación.

Desde o Concello de Ferrol debemos reivindicar ante o Estado as inversións que nos corresponden e levar a cabo ademais unha política activa en materia de emprego. Como axudas aos emprendedores tal e como  contemplamos no proxecto de cidade, reducir as trabas burocráticas e axilizar a tramitación de licenzas urbanísticas. O departamento de Urbanismo non debe ser un problema, senón unha solución. Non pode ser que unha persoa que quere montar unha terraza no seu bar leve dous anos esperando, ou máis de 18 meses para poder instalar un ascensor nun edificio.

Comentaba que máis de 400 autónomos e empresarios tiveron que fechar o seu negocio no centro de Ferrol, sen veciños que merquen no centro, sen facilidades para estacionar para os que veñen tamén de fora e con radares recadatorios o único que estamos a conseguir é que a xente non queira vivir en Ferrol nin vir a gozar da hostalería, do comercio ou do noso patrimonio natural e arquitectónico.

Desde o Concello de Ferrol debemos reivindicar ante o Estado as inversións que nos corresponden e levar a cabo ademais unha política activa en materia de emprego

Por iso, debemos potenciar as axudas aos emprendedores, axilizar a concesión de licencias para concedelas en tres meses, crear aparcamentos disuasorios en todos os barrios, axudar as familias para que queiran quedarse e facilitar a comunicación entre os barrios coa mellora da rede do transporte público.

Tanto Ferrol en particular como a comarca de Ferrolterra en xeral viviron nos últimos tempos un notábel esmorecemento do seu noutrora potente sector industrial. Que alternativas hai para a cidade? Pode ser a eólica mariña unha oportunidade de desenvolvemento?
Nos meus últimos anos como alcalde conseguimos que na antiga Astano comenzara a construción das jackets, hoxe a explanada de Navantia Fene está chea destas bases para os eólicos que se exportan a moitos parques mariños do mundo.

A eólica mariña é un nicho de emprego no que estamos traballando e que debe complementarse cunha oferta diversificada de proxectos que se desenrolarán no porto exterior como  a planta de ensamblaxe de estruturas eólicas mariñas de Nervión, e na comarca como a planta de pneumáticos de Sentury en As Pontes, a planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP tamén en As Pontes, ámbolos dous declarados como proxectos prioritarios pola Xunta de Galicia, ou o proxecto Triskelion e a planta para reciclar residuos e  producir un aceite pirolítico para elaborar hidrocarburos, plásticos e ceras.

O traballo coordinado entre as administracións é fundamental. Facilitar o asentamento de empresas e industrias ofertando chan industrial como agora nos permite o convenio de Defensa e facilitar a concesión de licencias será para nós outro dos piares básicos na busca de novos proxectos que xeren riqueza e emprego.

Segundo os últimos datos do INE, a cidade perde cinco habitantes cada tres días. Que propón para dar a volta a esta situación?
O proxecto de cidade elaborado cos ferroláns recolle varias medidas para favorecer o asentamento de novos veciños como ofrecer axudas ás familias de 600 euros para facer fronte aos gastos durante o primeiro ano do seu fillo, así como axudas ás familias numerosas incrementando as cuantías do segundo ao terceiro fillo en diversas axudas educativas como actividades extraescolares, intercambios...

É necesaria unha política activa e real de conciliación e así o faremos a través de campamentos de conciliación, facilitando que os proxenitores poidan traballar mentres os seus fillos se divirten e aprenden. Facilitar as licenzas para que os que desexen constuir ou rehabilitar unha vivenda non teñan que estar esperando dous anos para poder iniciar os traballos, axudar a que máis xente queira vir á nosa cidade a vivir.

Ferrol precisa recuperar poboación e para iso ademáis destas medidas precisamos ter unha cidade máis coidada en canto os servizos, con parques infantís con xogos para todos, presentamos un parque cuberto no Ensanche A para que tamén os máis pequenos poidan gozar deste espazo independementemente das inclemencias meteorolóxicas, e cunha zona de xogos de auga como novidade. Cun goberno de maioría e con capacidade xestión como o que nós ofrecemos aos ferroláns poderemos reverter esta situación, sempre escoitando aos veciños.

A cidade segue a padecer un profundo atraso no que atinxe ás conexións ferroviarias, en comparanza con outras cidades. Que medidas deben acometerse para mellorar a conectividade de Ferrol, non só no eixo atlántico senón ollando tamén cara ao cantábrico?
Ferrol é a única cidade da Galiza que aínda non asinou o convenio para a estación intermodal pola falta de vontade da administración local, privando deste modo aos veciños e viaxeiros de poder acceder una estación moderna, con novas prestacións e servizos. Ten que haber vontade por parte de todas as administracións da para dotar a Ferrol dunhas infraestruturas que melloren a comunicación con resto de cidades galegas e coa meseta. Por iso, non entendemos que o Estado nos seus orzamentos destine só 160.000€ para a modernización do tren, unha infraestrutura que consideramos fundamental ou que siga sen contestar ás propostas de inversión do Pacto de Estado por Ferrol para mellorar diferentes infraestruturas.

O pasado mes de abril grazas a unha emenda do Grupo Popular Europeo conseguiuse que a Rede  Transeuropea de Transporte (RTE-T) inclúa tramos de infraestruturas que son esenciais para diferentes rexións de España, entre eles o tramo ferroviario Ferrol-A Coruña, unha excelente nova para Ferrol. Conseguimos que por fin se teña en conta esta histórica demanda de incluír este tramo no Eixo Atlántico ferroviario, mentres o Goberno español despreza cada ano investir na modernización desta  liña a través dos orzamentos xerais do Estado. Agora só falta a financiación e se o próximo 28 de maio teño o respaldo maioritario dos ferroláns nos  primeiros orzamentos contemplarán unha partida como a que hai nos orzamentos da Xunta de Galicia para a estación intermodal.

Ferrol é a única cidade da Galiza que aínda non asinou o convenio para a estación intermodal pola falta de vontade da administración local, privando deste modo aos veciños e viaxeiros de poder acceder una estación moderna, con novas prestacións e servizos.

Á marxe do transporte, que outras prioridades ten Ferrol en materia de infraestruturas e de mobilidade?
En canto infraestruturas é preciso seguir impulsando a VAC da Costa e para iso  Xunta de Galicia tamén está traballando con inversións, proxectos e obras en execución. Unha vía fundamental para conectar Ferrol coa costa.

É preciso mellorar o transporte urbano, xa o contemplamos no proxecto de cidade con novas liñas e frecuencias, permitindo ao veciño ir ao centro da cidade ou a desprazarse a calquera barrio ou parroquia sen problemas de conectividade nin retrasos. Temos que recordar que Ferrol é única cidade que non asumiu a competencia en transporte urbano, que segue xestionando a Xunta de Galicia. Outro exemplo de falta de xestión do actual goberno.

E é fundamental tamén o dique, unha infraestrutura contemplada xa no plan de modernización del estaleiro de Ferrol, estaleiro 4.0 do 2018 onde recollía a  construción dun dique de 50m de manga e 350 de eslora cun coste estimado de 225M€ que nos permitiría ser máis competitivos reducindo prazos e costes de produción. A pesar das demandas deste partido e, sobre todo, do sector naval ferrolán o goberno de Sánchez segue negando esta infraestrutura. E seguimos tamén esperando polo taller de subbloques, que segue sen licencia municipal, outro exemplo da falta de capacidade de xestión goberno local.

Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Ao longo destes últimos anos o calidade dos servizos empeorou, so hai que dar unha volta pola cidade para comprobalo. A maioría dos principais servizos están sen contrato e isto afecta directamente á calidade coa que se prestan. Así vemos como hai zonas sen rozar no rural e na zona urbana, xardíns sen flores, papeleiras rotas, bancos nos que os veciños non se poden sentar porque faltan táboas, sen puntos de luz... e así unha longa lista. Os veciños están pagando por uns servizos que non reciben coa calidade que deberían.

Isto débese á falta de xestión, o dicía antes Ferrol precisa comezar todos os anos cun orzamento e leva oito anos sen facelo. É fundamental para poder investir, para poder executar novos proxectos, para renovar convenios coas entidades sociais, culturais, deportivas, veciñais, para que os servizos funcionen. Nunca antes vivimos tantos recortes en servizos: fecharon os cinco comedores sénior, hai máis de 400 maiores en lista de espera, pecharon dúas bibliotecas e a central non abre polas tardes...

O Concello de Ferrol é a administración máis próxima ao cidadán, temos a obriga de axudar ás persoas en situación de vulnerabilidade, de xerar emprego e riqueza aproveitando todo o potencial que temos e sacando partido aos nosos recursos naturais, e sobre todo o que debe facer un alcalde é escoitar e tentar solucionar os problemas dos veciños. Para solucionar todos estes problemas e facer realidade os proxectos que deseñamos xunto cos ferroláns no proxecto de cidade precisamos o respaldo maioritario dos veciños, que o próximo 28 de maio  aposten pola estabilidade, a capacidade de xestión e  a experiencia que ofrecemos fronte aos bloques de partidos que só pactarán un minuto para que non goberne a lista máis votada.

Comentarios