CAMIÑO DO 28 DE ABRIL

Jorquera e Rego, os compañeiros de aulas que lideran as listas do BNG

Comezaba o curso do 80 na facultade de Historia de Santiago, que vivía un emerxente movemento estudantil, con centos de mozas e mozos formándose nas aulas, na vida cultural de Compostela e implicándose politicamente. Na primeira reunión de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) naquel ano coñecéronse dúas figuras claves do BNG na actualidade: Néstor Rego, que chegaba a unha Compostela da que sería tenente de alcalde, e Francisco Jorquera, que exercería como portavoz do BNG no Congreso e no Parlamento.

Nestor Rego Francisco Jorquera
photo_camera Néstor Rego e Francisco Jorquera

Sermos Galiza conversa con Néstor Rego e Francisco Jorquera sobre os anos de universidade e activismo estudantil e sobre os retos que encaran na actualidade. Rego encabeza agora a candidatura do BNG ao Congreso co obxectivo de recuperar a representación do Bloque nas Cortes e Jorquera preséntase pola mesma formación á alcaldía da Coruña.

Atopámonos na facultade de Historia, en Santiago, un espazo común para ambos. Mais lembran como se coñeceron?

Néstor Rego: Coñecémonos en outubro de 1980, ao chegar ambos á facultade de Historia, en Santiago, e coincidir na primeira reunión do curso de ERGA. Aínda así, ambos xa militabamos nesa organización no ensino medio, e eu xa coñecía de referencias a Jorquera, pois fora represaliado polo feito de falar galego nas aulas.

Daquelas loitas e debates na etapa universitaria, que consideran que os marcou con maior énfase na súa traxectoria?

Francisco Jorquera: Foron anos moi activos, nos que supuxo unha experiencia enormemente formativa o feito de participar da vida cultural e política. Se somos o que somos, é polo pouso daqueles anos. Lembro, por exemplo, a loita que gañamos pola democratización dos órganos de goberno da facultade, fronte a un decano autoritario que acabou dimitindo.

Néstor, chegou do Vicedo a Compostela, cidade arredor da que desenvolveu a súa vida e da que foi tenente de alcalde e concelleiro de Cultura. Que foi o que lle fixo quedar nesta cidade?

NR: Comecei a traballar mentres estaba rematando os estudos en Santiago, mais xa tiña tomada a decisión de continuar aquí, pois namorei rapidamente desta cidade. Compostela é fermosa e acolledora, e collín gusto á dinámica da propia cidade, o que fixo que acabase vivindo e desenvolvendo a miña vida nela.

Daquela Compostela que atopou ao chegar ao goberno municipal, que transformación salientaría? Que lle diría a Jorquera, que afronta agora o reto de liderar o BNG a nivel municipal na Coruña?

NR: Jorquera ten sobrado coñecemento político e da cidade da Coruña. El coñece a cidade, as súas necesidades e potencialidades e ten conciencia das maiorías sociais. Iso é o necesario. Por exemplo, Santiago, nos anos oitenta, foi capaz de modernizarse mais non deu resposta á necesidade de vivenda. Unha das grandes contribucións do BNG desde o goberno municipal foi, precisamente, equipar a cidade de infraestruturas e impulsar un programa de vivenda pública e de recuperación dela na cidade histórica, o que logrou asentar poboación. Isto era moi necesario, porque a falta de vivenda no período anterior, expulsara moita xente do concello.

Outra pegada do BNG importante foi conciliar a cidade coa súa contorna natural, impulsando zonas verdes, e converter Compostela en capital cultural galega e internacional.

"Urxen políticas de vivenda, impulsando a rehabilitación e incrementando a oferta de vivenda pública", salienta Jorquera

Como afronta Jorquera o reto de liderar o BNG na cidade e cales son os principais eixos nesta etapa?

FJ: O principal é que haxa un goberno con proxecto de cidade claro, e o goberno actual non ten modelo. O BNG si o ten e aposta no económico por liderar, contando cos concellos da comarca e os axentes sociais, un novo modelo que aposte na recuperación do tecido industrial e a súa diversificación, na innovación e o coñecemento e a economía do mar. No urbanístico, o noso modelo defende unha calidade urbana á medida das persoas, onde o espazo público sexa accesíbel e non invadido polos coches. Nese sentido, queremos revisar as políticas de mobilidade, apostando no transporte público. E urxen políticas de vivenda, impulsando a rehabilitación e incrementando a oferta de vivenda pública. O actual goberno fixo bandeira da vivenda, pero o balance destes 4 anos é decepcionante.

Ambos son referentes do BNG en cidades gobernadas polas mareas. Como valoran as súas xestións?

NR: O goberno de Compostela tamén carece de proxecto de cidade e de capacidade de xestión. En Santiago hai un PXOM que actualizou as expectativas de crecemento urbano, mais non existiu modelo nin capacidade de xestión e o goberno foi decepcionante. De feito, hai cuestións de relevancia que xa tiñan unha dinámica previa en marcha e deixaron de funcionar, ben por desinterese ou ben por falta de capacidade do goberno.

FJ: Nas reunións que estamos a manter con entidades moi diversas para escoitar as súas demandas, o que se palpa é a decepción. A Marea Atlántica xerou unha ilusión en moitos sectores e agora converteuse en frustración, froito da ausencia de proxecto.

Percíbese, en cambio, que a xente valora canalizar as reivindicacións a través de forzas políticas que sexan claras, consistentes, e a Marea demostrou inconsistencia e incapacidade de xestión. De feito, para ter un proxecto de cidade, tes que ter un proxecto de país.

Así, por exemplo, na Coruña, hai consenso en demandar ao Estado que asuma o custo da construción do porto exterior, xa que é competencia estatal, do mesmo xeito que acaba de facer co porto de Valencia, tal e como lle esixiu o goberno valenciano na discusión dos obxectivos de déficit. En cambio, as e os representantes das mareas, IU e Podemos non foron quen de pór esa condición sobre a mesa na negociación dos orzamentos do Estado.

"Galiza xógase estar presente, que é condición previa para todo", sinala Jorquera

Que se xoga Galiza nas eleccións xerais?

FJ: Galiza xógase estar presente, que é condición previa para todo. Cando estabamos no Congreso, os demais sempre falaban sobre o que votariamos nós e tiñan claro que había que falar connosco. Chamábanos “os galegos” porque sabían que non tiñamos subordinacións a nada máis que aos intereses de Galiza.

NR: O voto ao BNG ademais ten dupla utilidade, tanto no que se refire á defensa de Galiza como a facer políticas transformadoras de avance.

Néstor, vostede tamén é portavoz das 19 persoas enxuizadas por defender a devolución do Pazo de Meirás. Estamos a vivir un auxe do franquismo? En España acusan o nacionalismo de espertar o franquismo.

NR: Estou en contra de dicir que o nacionalismo espertou o monstro do fascismo. É como se a reivindicación dos dereitos civís da poboación afroamericana nos EEUUU fose acusada de espertar o racismo. O que hai é unha evidente crise do réxime e evidéncianse as limitacións democráticas do Estado. É algo que xa existía, sae á luz alimentado pola onda de españolismo que xeraron PSOE e PP contra Catalunya e as nacións. Ligado co patrimonio roubado por Franco, hai dous casos paradigmáticos. A xuíza que dá a razón á familia Franco na recuperación das estatuas de Isaac e Abraham é neta de dous militares franquistas que acompañaron a Franco desde África e o xuíz que paralizou o traslado dos restos de Franco é fillo doutro militar golpista. Hai pois, unha pervivencia do franquismo no económico, no mediático, no político e especialmente, por vía familiar, no xudicial.

"Creo que foi moi clara a ausencia de Galiza nesta lexislatura", sinala Néstor Rego

Hai un cambio de percepción nas súas cidades cara ao BNG? Que perspectivas auguran nestas eleccións para o Bloque?

NR: Teño a percepción de que o BNG está en ascenso, non por modas, senón porque a xente percibe que somos unha forza coherente que se compromete co que di, sólida e con capacidade de actuación e de avanzar. Temos a convicción de que imos recuperar a representación no Congreso. Creo que foi moi clara a ausencia de Galiza nesta lexislatura.

FJ: Estamos en remontada. Estou convencido de que imos ter un avance significativo, tamén na Coruña.

Comentarios