Javier García: "Galiza foi un laboratorio chave para o marxismo e o debate sobre o colonialismo"
O historiador andaluz e profesor da Universidade de Sevilla, Javier García Fernández, vén de publicar un estudo sobre o a influencia do anticolonialismo e do antiimperialismo nos movementos políticos do Estado. Nesta conversa con Nós Diario, explica os eixos da súa investigación e o papel da Galiza nestes debates.
Acaba de publicar en Edicións Taxalaparta un novo volume, baixo o título "Utopías anticoloniales. Memorias del antiimperialismo en el Estado español", a que responde esta investigación e cal é a súa motivación?
O libro nace da necesidade de ordenar todo o que investiguei estes anos sobre como as loitas anticoloniais influíron na esquerda radical do Estado español. Deime conta de que a historiografía pasara por alto ese vínculo. Sempre falaba de París, Berlín ou Londres como focos de inspiración, e case nunca do que estaba a ocorrer en Asia, África ou América Latina despois da Segunda Guerra Mundial. Con todo, foron precisamente esas loitas de liberación as que renovaron o pensamento da esquerda en todo o mundo, e tamén aquí. Moitos movementos, desde os sociais até os que optaron pola loita armada, formáronse mirando a esas experiencias. No libro analizo casos concretos en Canarias, Andalucía, Catalunya, Euskadi e Galiza para amosar como esas ideas viaxaron e como axudaron a transformar o marxismo e as esquerdas en pleno tardofranquismo e durante a Transición.
Analiza neste traballo o proceso de recepción no Estado das formulacións anticoloniais e da ideoloxía terceiromundista, como se desenvolveu e cal foi a súa influencia política práctica?
A influencia das loitas anticoloniais na esquerda do Estado español hai que entendela no contexto da crise do marxismo despois da Segunda Guerra Mundial. Nese momento, o marxismo pasou a converterse nunha ideoloxía de Estado, unha doutrina oficial da Unión Soviética. E en Europa occidental, os grandes partidos comunistas, partidos de masas como o PCI italiano ou o PCF francés, quedaron profundamente debilitados tras a guerra e transformáronse en partidos reformistas e electorais. Nese proceso, o marxismo perdeu boa parte do seu carácter revolucionario.
Fronte a iso, a renovación do marxismo chegou desde as loitas anticoloniais. Despois da Segunda Guerra Mundial, o marxismo máis vivo, máis creativo e máis ligado a procesos reais de transformación xurdiu en África, Asia e América Latina. Foron eses debates e experiencias os que devolveron ao marxismo o seu papel como teoría da revolución, e de aí beberon tamén as loitas soberanistas e nacionalistas de esquerda no Estado español.
Esa influencia deuse en varios planos. Primeiro, as loitas anticoloniais lexitimaron a guerrilla como forma de loita propia dos procesos de liberación nacional. Segundo, explicaron a importancia das loitas populares, mobilizar a comunidade, involucrar ao pobo como suxeito político e como construtor dunha nova idea de nación. Este enfoque, moi presente en autores como Frantz Fanon, tivo un peso enorme nos movementos nacionalistas de esquerda aquí.
En terceiro lugar, mostraron o carácter internacional dos procesos de liberación. A loita dentro das metrópoles europeas tamén formaba parte da descolonización, e iso axudou á esquerda radical a comprender o seu papel dentro dun conflito global. E, finalmente, as loitas anticoloniais influíron en que moitos movementos no Estado español entendesen que a liberación non era só independencia política, senón defensa do territorio, da lingua e dunha cosmovisión propia. Iso é chave para entender as nacións sen Estado dentro de Europa.
En definitiva, as loitas anticoloniais ofreceron un modelo de revolución que deu a estes movementos un novo xeito de pensar a construción de pobo e de nación, non só desde a clase obreira ou desde militantes comunistas, senón desde a creación dunha comunidade nova, implicada na súa propia liberación nacional.
Un dos capítulos do seu libro esta dedicado a Galiza. Que influencia tivo o país ese corpo doutrinal, como foi o debate entre as diversas concepcións do colonialismo e que contribución se fixo desde Galiza a esta corrente ideolóxica?
Galiza foi un laboratorio chave para o marxismo e o debate sobre o colonialismo. A súa gran diáspora en México e Arxentina conectou a moitos galegos con debates sobre formación nacional, peronismo e movementos populares. Ademais, os vínculos co mundo lusófono facilitaron a chegada de pensadores anticoloniais como Cabral ou Neto. Os lazos coas nacións celtas reforzaron un “indixenismo atlántico” que encaixaba coas preocupacións do nacionalismo galego. O exilio en París e a militancia en Madrid actuaron como pontes para o marxismo internacional.
Á vez, Galiza vivía unha realidade de dependencia económica e cultural que alimentou un debate entre dúas posturas. A UPG defendía unha visión de colonia clásica e unha estratexia independentista, mentres que Beiras expuña o colonialismo interno, máis ligado ao socialismo democrático e a propostas confederais. Ese debate marcou a evolución do nacionalismo galego até o BNG actual.
O proceso que estuda no seu libro desenvólvese esencialmente entre os anos 50 e finais dos 70, que queda hoxe na política das diversas nacións do Estado desde legado teórico anticolonial e antiimperialista?
No libro analizo como se formaron os paradigmas das nacións sen Estado en Europa occidental. A Carta de Brest foi clave, alí distintos movementos recoñeceron que dentro de Europa existían loitas anticoloniais e antiimperialistas, lexitimaron a loita armada como forma de liberación nacional e buscaron crear unha especie de internacional inspirada na Tricontinental e nas redes de solidariedade do século XX.
Estas culturas políticas das nacións sen Estado plantaron cara ao modelo de democracia parlamentaria que se impuxo tras as ditaduras e, hoxe, moitos das súas formulacións seguen vixentes. A defensa do territorio, da lingua e da cultura, o ecoloxismo e a aposta por modelos confederais continúan sendo eixos centrais. A súa loita contra o centralismo enténdese aínda como unha disputa contra formas de colonialismo interno e propón democratizar o territorio, profundar a descentralización e construír formas políticas baseadas nos dereitos históricos, sociais e nacionais dos pobos do Estado español.