'Problemática nacional e colonialismo: o caso galego' volve saír do prelo, 44 anos despois

Con motivo da segunda edición deste libro, editado por primeira vez en 1978, un acto reúne o día 22 en Compostela os seus autores, Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos, para debater arredor da vixencia de "Problemática nacional e colonialismo". 

López Suevos e Francisco Rodríguez
photo_camera López Suevos e Francisco Rodríguez, nunha imaxe de 2019.

En abril de 1978, Edicións Xistral editaba Problemática nacional e colonialismo: o caso galego, volume redactado man a man por Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos, unha obra chave na que adiantaban unha análise de conxunto sobre os aspectos basilares da cuestión nacional e as derivadas asociadas á mesma no plano da acción política.

Malia a importancia do libro, nunca foi reeditado. Até agora, 44 anos despois, en que a obra volve saír do prelo, desta volta da man de Tempo Galiza. Co gallo desta publicación, a Asociación Cultural O Galo organiza en Compostela unha mesa debate sobre a vixencia de Problemática nacional e colonialismo.

O acto decorrerá a quinta feira, día 22, en Compostela, no espazo enocultural Vide, Vide!, en Compostela e contará coa presenza de ambos os dous autores, Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos. A presidenta da AC O Galo, María Antonia Pérez, exercerá de moderadora.

A obra é debedora do corpo ideolóxico do nacionalismo de preguerra, sintetizado por Daniel Castelao no Sempre en Galiza; da tradición marxista, particularmente daquela que forneceu razóns ás loitas de liberación nacional ao longo do século XX; e da práctica política e elaboración teórica do movemento patriótico galego reorganizado á volta dos anos sesenta.

Os autores consideran a autodeterminación nacional como un proceso dinámico de loita dun pobo polos seus dereitos cuxo remate final está na soberanía e non como un principio formal acoutado a unha votación

Os autores consideran a autodeterminación nacional como un proceso dinámico de loita dun pobo polos seus dereitos cuxo remate final está na soberanía e non como un principio formal acoutado a unha votación

Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos xa coincidiran en 2019 para falar desta obra, cando se facían 41 anos da súa publicación. Daquela fora da man dunha conversa para Guieiro,  caderno de opinión e debate editado pola Unión da Mocidade Galega (UMG).

Comentarios