Jácome condiciona a que el sexa alcalde un eventual acordo co PP na Deputación

Democracia Ourensá mostra a súa disposición a falar con "todas as partes". Terceira forza máis votada no concello, a súa prioridade é conseguir a alcaldía. Os seus decisivos votos na Deputación —ten dous escanos que completarían a maioría absoluta que precisa Baltar— son a chave que podería abrir o despacho da alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome.

DO voting
photo_camera Jácome vota o 26M [Foto: FB de DO]

"Nós cremos que o fundamental é a Alcaldía de Ourense para sacar adiante a cidade e despois haberá que pór a funcionar tamén a Deputación", dixo Jácome en declaracións aos medios.

Traducido: se o PP apoia a súa investidura no concello —a candidatura liderada por Jesús Vázquez obtivo o mesmo número de escanos do que Jácome, ao que só superou por apenas 500 votos— Democracia Ourensá podería desbloquear a situación na Deputación de Ourense e garantir así a continuidade da saga Baltar.

A outra hipotética coalición —a que se tería de estabelecer con PSdeG, BNG e Ciudadanos na Deputación, no concello bastaría o acordo de Jácome co PSOE — é aritmeticamente viábel, mais políticamente pouco ou nada probábel.

O PP —por boca do seu secretario xeral, Miguel Tellado— alimentou nas últimas horas a tese do acordo con Jácome ao enfatizar o seu "absoluto respecto" polas 12.009 que votaron DO nas municipais de Ourense. Por contra, o portavoz socialista no Pazo do Hórreo, Xaquín Fernández Leiceaga, cuestionou abertamente que puidese ser alcalde o candidato da terceira lista máis votada na cidade.

Comentarios