“Isto vai de democracia”: concentración en Compostela en apoio ao referendo catalán

Este sábado, 10 de xuño, na Praza do Obradoiro. “Entre os dereitos esenciais e inalienábeis das sociedades democráticas recoñécese o de decidir o seu futuro político”. 

ANC

A Praza do Obradoiro, en Compostela, acolle este sábado 10 de xuño unha concentración en apoio ao referendo catalán. Un acto coa presenza da ANC (Assemblea Nacional Catalana) e apoiado por organizacións políticas (BNG, En Marea, Causa Galiza, Agora Galiza, Compromiso por Galicia, PCPG), sindicais (CIG, CUT) así como diferentes entidades e colectivos, como Briga, Mar de Lumes, Ceivar ou Gentalha, entre outros; e entidades como a Fundación Galiza Sempre.

No acto procederase á ler o manifesto a prol da consulta que no seu día aprobou o Pacto Nacional polo Referendo. “Manifestamos a convicción de que o referendo é unha ferramenta inclusiva, que permitirá a libre expresión das diversas posicións que os cidadáns e cidadás de Catalunya manifestaron a respecto da relación política entre Catalunya e o Estado español. Afirmamos que a cultura democrática reclama solucións políticas para os problemas políticos. E facémolo apelando ao mecanismo fundamental de que dispoñen as sociedades modernas: o coñecemento e a validación da vontade maioritaria do pobo que se expresa a través do voto”.

Comentarios