Isca! celebra o seu X aniversario con debate, formación, convivio e música

Compostela acolle o 18 de xuño os actos da formación polo seu décimo aniversario.

isca
photo_camera isca

Debates, roteiros, convivio, música... a xornada de celebración do décimo aniversario de Isca! reúne todo isto e máis. Terá lugar o vindeiro 18 de xuño en Compostela e co centro social Gentalha do Pichel como un, que non único, dos escenarios. Alí será onde dean inicio as xornadas (11:00 horas) da formación xuvenil independentista, con dúas palestras, de entrada libre, e a proxección dun video conemorativo destes 10 anos de historia.

As palestras serán “Militancia e orientación comunista nas organizacións sindicais de clase”, a cargo de Lucia Freire e Antolín Alcántara, da CIG. E “Percorrido histórico de isca! importancia da organización revolucionaria”, un resumo que realizarán Ximena González e Breixo Lousada, militantes da organización.

No mesmo centro social ás 14:00 terá lugar o xantar popular , que contará cunha foliada. Xa pola tarde, por volta das 14:30 horas, haberá un roteiro histórico e político pola cidade de Compostela. Organizado en colaboración coa comissóm de história da Gentalha do Pichel .

Ás 18:00, e no parque de Bonaval, decorrerá “un encontro internacionalista onde persoas doutros pobos contarán as realidades que están a sufrer podendo observar as similitudes e diferenzas que temos co caso galego”.

As xornadas poñerán o ramo às 22:00 cuns concertos na praza 8 de Marzo, onde terá lugar un acto político e as actuacións dos grupos Poetarras, Trapallada e NAO.

Todas as actividades son de balde e abertas

Comentarios