Irene Montero eloxia Yolanda Díaz mais elude responder se debería ser a seguinte candidata de Unidas Podemos

Montero cualificou a ministra de Traballo e Economía Social como unha "traballadora incansábel, artífice de boa parte das medidas e as leis máis importantes" presentadas no Congreso dos Deputados por Unidas Podemos.

A ministra de Traballo e dirixente de Unidas Podemos, Yolanda Díaz (Imaxe: Pool / Europa Press)
photo_camera A ministra de Traballo e dirixente de Unidas Podemos, Yolanda Díaz (Imaxe: Pool / Europa Press)

A ministra de Igualdade, Irene Montero, eloxiou a titular de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, aínda que eludiu responder se a dirixente galega debería ser a seguinte candidata de Unidas Podemos nas eleccións xerais.

Nunha entrevista en TVE, recollida por Europa  Press, Montero asegurou que iso "teno que decidir" o "conxunto do espazo" político de Unidas Podemos en que están integradas a formación lilá, liderada por Pablo Iglesias, e o Partido Comunista, no que milita a propia Yolanda Díaz.

"Pero xa que me pregunta penso non só que é unha das ministras mellor valoradas, senón que é a persoa que por terceira vez conseguiu no marco social unha prórroga dos  ERTE", destacou a titular de Igualdade.

Nesta liña, Montero cualificou a ministra de Traballo e Economía Social como unha "traballadora incansábel, artífice de boa parte das medidas e as leis máis importantes" presentadas no Congreso dos Deputados por Unidas Podemos.

Doutra banda, a dirixente do partido morado referiuse á decisión do Tribunal Supremo, que acordou a devolución ao xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló das actuacións que remitiu a este órgano contra Iglesias, para que esgote a investigación no denominado caso 'Dina' e unha vez realizadas as novas dilixencias, decida se procede remitir unha nova exposición razoada contra o tamén líder de Podemos dada a súa condición de  aforado.

"Xa dixemos que para todo o mundo era evidente o que ía dicir, que non hai caso 'Dina' senón Villarejo, as cloacas do Estado, unha mafia criminal policial, política e mediática que se dedicou a tentar subverter a democracia fabricando probas falsas,  bulos e atacando a quen consideraba adversarios políticos", denunciou Montero.

Comentarios